As bibliotecas dos centros escolares da Consellería de Cultura e Educación editan preto dun cento de guías de lectura con recomendacións para este Nadal
Estas publicacións procuran impulsar o hábito lector entre os máis novos nestas datas de lecer e, nalgúns casos, están elaboradas conxuntamente por varios centros dun mesmo concello, contando ás veces coa participación da biblioteca pública municipal.
Ademais supoñen un importante apoio para orientar ás familias á hora de agasallar con libros aos rapaces
As bibliotecas dos centros escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, editan preto dun cento de guías de lectura con recomendacións para este Nadal, unha forma de impulsar o hábito e a mellora das competencias lectoras entre os máis novos aproveitando estas datas de lecer. Estas publicacións supoñen, ademais, un importante apoio para orientar ás familias que se decidan por un libro como agasallo de Reis, convidando á súa vez a agasallar produtos culturais. As guías de lectura conteñen recomendacións de libros, películas ou música para todos os membros da familia, pois acollen materiais destinados a rapaces e adultos. As seleccións, realizadas desde o coñecemento e a experiencia do profesorado integrante dos equipos de biblioteca, están moi coidadas e conteñen títulos imprescindibles e, especialmente, novidades de gran interese .
A páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia, integrada no portal educativo da Xunta de Galicia - http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/ - agrupa nunha soa entrada os enlaces web a boa parte destas guías elaboradas polas bibliotecas dos centros de cara ás vacacións de Nadal.
Neste sentido cómpre salientar o traballo do profesorado implicado no desenvolvemento das actividades da biblioteca ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe); así como a colaboración entre os centros educativos –e incluso con entidades municipais- que xa exercen ao longo de todo o ano a través de iniciativas como ‘Libros a Eito’, banco de préstamos de libros entre centros enmarcado tamén no devandito plan. Ese esforzo e implicación permiten que centros galego sexan referente a nivel estatal en materia de bibliotecas escolares, tal e como vén de demostrar o premio Premio Nacional ao Desenrolo de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais recibido polo CEIP Frián-Teis (Vigo) polo proxecto ‘A lingua sabe a pan’. Esta experiencia galardoada é un exemplo de boas prácticas na metodoloxía de traballo por proxectos que están a liderar as bibliotecas escolares integradas no Plan de mellora de bibliotecas, como resultado das pautas e orientacións deste programa da consellería.
Mochilas viaxeiras
Ademais a Consellería de Cultura e Educación continúa este Nadal a impulsar a iniciativa de ‘Mochilas Viaxeiras’ – enmarcado en ‘Hora de Ler’, do Plan LÍA-, así como as ‘Mochilas Hospitalarias’.
Cada ano son máis os centros que se unen a esta proposta, poñendo a disposición das familias unhas mochilas que conteñen un pequeno lote de libros e outros materiais en distintos soportes, adaptados ao nivel de idade e aos intereses do alumno e das súas familias, que circulan de forma temporal e rotatoria polas casas dos estudantes. A mochila pode conter materiais diversos, pensando nos distintos membros da familia: contos, cómics, libros de receitas, de xardinería, de saúde ou educación, libros informativos ou revistas sobre deportes. Tamén inclúen unha película ou un documental divulgativo, un CD de música, ou un xogo de ordenador de carácter didáctico. Nestes momentos circulan polas casas galegas unhas 6.000 mochilas viaxeiras que contribúen á creación de hábitos de lectura e a espertar o interese polos libros, a cultura e o coñecemento.
Unha selección coidada dos materiais é a clave do éxito que está a ter esta experiencia, especialmente na zona do rural, onde as familias valoran positivamente a iniciativa de achegarlles o material, tal e como queda reflectido no seus escritos nos diario de mochila, incluído en cada unha das bolsas dos estudantes. Tamén en Nadal as mochilas viaxarán ás casas para ofrecer momentos comúns en contacto coa lectura