A Consellería de Cultura e Educación continúa a traballar pola mellora do mapa de graos universitarios para o curso 2015-16

As universidades estudaran as propostas entre as que se atopan elaborar unha folla de ruta con ata 12 novos graos interuniversitarios para eliminar duplicidades

A Secretaría Xeral de Universidades presenta aos vicerreitores de titulacións un documento con 25 propostas para mellorar o mapa universitario

Xov, 05/12/2013 - 11:28
A Consellería de Cultura e Educación continúa a traballar pola mellora do mapa d
A Consellería de Cultura e Educación continúa a traballar pola mellora do mapa de graos universitarios para o curso 2015-16

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a traballar en torno ao futuro mapa de graos universitarios que comezaría a funcionar no curso 2015-16 e que ten como obxectivo lograr un sistema universitario galego racionalizado e de calidade que ten como fin lograr a mellora nos campus galegos respondendo á actual demanda. Así o novo plan será acorde coas necesidades que os estudantes precisan ter cubertas de cara á realidade social, laboral e económica.

Así nunha recente reunión do grupo de traballo do seguimento e mellora das titulacións universitarias composto polo secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os tres vicerreitores responsables das titulacións das tes universidades e o representante da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), continuouse a traballar sobre o futuro das titulacións de grao.  Neste encontro foron expostas as accións que están previstas que desenvolvan as universidades, trátase dun documento no que se inclúen ata 25 propostas de transformación e mellora dos graos universitarios que se impartirán en Galicia dentro de dous cursos.

Propostas

Os eixes principais destes propostas son o mantemento de todos os títulos existentes actualmente, sempre e cando estes sexan mellorados e adecuados a actual realidade social e polo tanto universitaria. Ademais debe manterse unha visión global e sistemática  contemplando as necesidades prioritarias do sistema universitario galego en xeral e de cada campus en concreto.

Por outra banda as titulacións serán adecuadas ás especializacións e singularidades de cada campus, apostando polo crecemento de titulacións futuras baseadas na especialización. Tamén se presenta a proposta dun novo mapa de graos que terá unha discriminación positiva para os campus de Ferrol, Lugo Ourense e Pontevedra, e que polo tanto cumprirá co establecido na propia Lei de Universidades. Entre as peticións da Consellería destaca que se fomente a colaboración en recurso humanos, instalacións e mobilidades entre as tres universidades públicas galegas.

O documento, que deberá ser analizado polas universidades, co obxectivo de lograr o consenso entre todos os axentes implicados, inclúe a posibilidade de fusionar titulacións existentes e que neste momento están multiplicadas en Galicia.  

Suxestións

Neste apartado inclúense 12 suxestións de graos interuniversitarios; o desenvolvemento dun convenio de colaboración entre as tres universidades para a docencia en ciencias da saúde; un estudo de expertos para a análise de propostas de diversificación e mellora dos títulos de ADE e Dereito; así como a creación dun grupo de traballo para mellorar os plans de estudos de grao e máster de formación do profesorado. Outra liña de actuación céntrase na necesidade de acelerar o proceso de singularización dos sete campus.

Todo o contido do documento achegado desde a Consellería deberá ser analizado polos representantes das universidades e da ACSUG, e seguiran un proceso de traballo coordinado co obxectivo de que no último trimestre do 2014 xa estean elaborados os documentos definitivos.