O conselleiro de Educación asiste aos actos do XXV aniversario do CPR Luís Vives, de Ourense
Previamente o conselleiro visitou o CEIP Virxe de Guadalupe, en Avión, onde mantivo un encontro co equipo directivo e o profesorado do centro
Ao longo da xornada hoxe o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estivo a visitar varios centros da provincia de Ourense. Así pola mañá visitou o CEIP Virxe de Guadalupe, en Avión, e pola tarde presenciou os actos de celebración do XXV aniversario do CPR Luís Vives, na cidade de As Burgas, nos que se conmemora ademais a creación da Cooperativa de Traballo Asociada, integrada por profesores do centro educativo.
Visita a Avión
Deste xeito pola mañá o conselleiro de Educación visitou o CEIP Virxe de Guadalupe, no concello ourensán de Avión. Neste recinto Vázquez Abad mantivo unha reunión co director do centro, Manuel Armada Villar, e o resto de membros do equipo directivo, así como as profesoras e profesores. En todo momento o titular autonómico de Educación estivo acompañado polo alcalde do concello de Avión, Antonio Montero Fernández; e o inspector xefe de Ourense, José Fisteos Suenga.
Con esta visita vólvese a demostrar o enorme interese da actual Consellería pola educación no ámbito rural. Encontros como este permiten dar unha mellor resposta as necesidades e demandas a todos os centros galegos, especialmente aqueles que non están situados nas grandes cidades da comunidade.
Aposta pola educación en valores
Xa pola tarde o conselleiro estivo presente na celebración do XXV aniversario do Luís Vives, e ante este auditorio o conselleiro destacou que “a sociedade debe facer unha aposta decidida a favor dunha educación en valores que dote aos nosos estudantes das calidades básicas na construción da personalidade individual, respecto cara ás opinións alleas, sensibilidade cara ás necesidades dos outros, consideración polo medio natural, e cultura e integración na dinámica da colectividade cívica”.
Un labor de formación no que teñen un importante papel os profesores, tal e como recalcou Vázquez Abad ao dicir que “da súa competencia profesional, o esmero que poñen no exercicio da súa función e, incluso, co exemplo das súas vidas, depende que as alumnas e alumnos fagan propios os valores. A nosa confianza neles é total, e por iso intentamos poñer á súa disposición os medios necesarios apra que se formen o mellor posible. Apoiámonos na veteranía duns e na xuventude dos outros, que se combinan nun frutífero intercambio de experiencia e ilusión”.
Un sistema de oportunidades
O titular de Educación en Galicia recordou que “a Educación é a mellor arma que unha sociedade ten para prosperar e potenciar unha convivencia harmónica. Desde a Consellería expresamos a vontade política pola loita na procura dun sistema educativo cada vez mellor, máis xusto e solidario”.
Na súa visita ao centro, o conselleiro de Educación presenciou as diversas actuacións organizadas por estudantes e profesores e protagonizadas polas propias alumnas e alumnos. Ademais outro grupo de escolares relataron a historia do CPR Luís Vives a través dunha recompilación de imaxes, que abarcaron toda a historia deste espazo educativo, que abriu as súas portas en 1945, e desde 1984 os antigos profesores conforman unha cooperativa de traballo asociado.
Durante todo o evento Xesús Vázquez Abad estivo acompañados os alcaldes de Barbadas e Ourense, José Manuel Freire Couto e Francisco Rodríguez, respectivamente; polo equipo directivo do CEIP, encabezado polo seu director, José Luís Blanco; a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; e a presidenta da Cooperativa do CPR, María Dolores Álvarez Montenegro.