A Consellería de Cultura e Educación conmemora o 25 aniversario da Escola Oficial de Idiomas de Vigo
No último lustro a matrícula deste centro incrementouse nun 49% nas ensinanzas regradas grazas á aposta da Consellería pola potenciación do plurilingüismo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conmemora hoxe o 25 aniversario da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, un centro que no último lustro incrementou a súa matrícula nun 49% nas ensinanzas regradas grazas á aposta da Consellería pola potenciación do plurilingüismo. Cómpre salientar que a EOI de Vigo continúa dando, un ano máis, resposta á demanda do seu alumnado. Para iso este curso incrementouse o profesorado, atendendo á oferta educativa existente, que se agarda continuar ampliando a través da implantación de novos cursos, como o C1.
Este centro e as seccións que del dependen alcanzan xa os 8.507 alumnas e alumnos oficiais matriculados neste curso 2013/2014, nos 346 grupos conformados, un 28% (75 grupos máis, 2250 prazas máis) dos que había no curso 2008/2009. De feito para este mesmo curso a Consellería ampliou en 120 a oferta de prazas nas ensinanzas de chinés e xaponés (60 por cada lingua) nesta EOI de Vigo, para dar así resposta á demanda existente destas linguas. E tamén se crearon 120 prazas de inglés na Sección de Redondela e outras 120 na Sección de Nigrán. A escola conta actualmente con 6 seccións que lle facilitan o estudo ao alumnado que reside máis lonxe da sede, unha delas está situada tamén na propia cidade, no IES Alexandre Bóveda.
Durante a súa intervención o director xeral salientou o labor dos docentes da EOI ao longo destes anos e a importancia dos auxiliares de conversa e do profesorado de apoio no reforzo da competencia oral do alumnado. Este curso a escola conta con 7 auxiliares de conversa para os idiomas máis demandados (alemán, francés, chinés e inglés) e, a partir de xaneiro, a escola contará cun novo profesor de apoio de chinés grazas ao protocolo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Oficina Nacional de Promoción Internacional da Lingua Chinesa (Hanban).
O acto conmemorativo pechouse coa actuación do grupo integrado por profesorado e alumnado da escola ‘Os guiris’. Posteriormente celebrouse a inauguración da nova biblioteca. A EOI de Vigo leva participando activamente no Plan de mellora das bibliotecas escolares dende o ano 2005.