O conselleiro de Educación visitou, en Sanxexo, os CEIP Cruceiro e Magaláns
Xesús Vázquez entrevistouse coa alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González e con membros das AMPAS dos centros educativos do concello pontevedrés
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola tarde os CEIP Cruceiro e Magaláns, en Vilalonga e Dorrón respectivamente. En ambos casos reuniuse con sendas APAS, coas que estivo a falar das melloras que precisan os centros para mellorar o desenvolvemento das actividades educativas. Previamente o conselleiro mantivo un encontro coa alcaldesa do concello de Sanxenxo, Catalina González e cos membros das AMPAS dos centros públicos do concello pontevedrés. Con todos eles tratouse o establecemento dun plan de actuación de obras e melloras para solventar as posibles deficiencias nos respectivos recintos escolares. No encontro tamén estivo presente o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
Obras de mellora
Ao remate do encontro a Consellería de Educación comprometeuse co Concello a executar as futuras obras de construción de "O Cruceiro", en Vilalonga, con seis aulas de infantil e 12 de primaria, así como dependencias destinadas ao equipo directivo e a asociación de pais e nais, e todo o preciso para o día a día do proceso educativo. No mesmo encontro tamén se acordou que tamén se realizaran as obras de ampliación no CEIP Magaláns, en Dorrón. Pola súa banda, e debido ao esforzo económico que supoñen estas accións, o concello adquiriu o compromiso de facerse cargo do resto das necesidades materiais nas instalacións educativas. O acordo foi acadado grazas a boa disposición mostrada pola Consellería de Educación e o Concello de Sanxenxo.