O conselleiro de Cultura e Educación asina o convenio de colaboración para o financiamento específico para os centros de investigación universitaria de alto nivel

Vázquez Abad asinou o acordo cos reitores das tres universidades galegas polo que se investirán 3,6 millóns de euros para fortalecer as actividades dos Centros de Investigación singulares existentes

A Universidade de Santiago conta con tres destes espazos, a de Vigo con catro e o campus da Coruña con un

Mar, 26/11/2013 - 14:15
Vázquez Abad asinou o acordo cos reitores das tres universidades galegas
Vázquez Abad asinou o acordo cos reitores das tres universidades galegas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou un convenio de colaboración cos reitores das universidades galegas para o financiamento para os centros de investigación destas entidades cun orzamento de 3,6 millóns de euros.

Así o convenio, destinado a Centros de Investigación singulares, foi asinado con Juan Casares Long, Xosé Luis Armesto Barbeito e Salustiano Mato de la Iglesia, reitores das universidades de Santiago, a Coruña e Vigo respectivamente. Esta é a primeira acción do novo Programa de Centros de investigación Singulares de Galicia a través do que a Xunta dota a estes centros dun orzamento específico co fin de garantir o seu funcionamento, o que demostra, unha vez mais, o compromiso do Goberno galego coa I+D+i universitaria.

Financiamento dos centros

Ao abeiro do acordo asinado a Consellería proporcionará unha contía que cubrirá parte dos gastos de funcionamento operativo dos Centros de Investigación (gastos correntes, contratos de persoal necesario para desenvolver a actividade investigadora ou de transferencia de tecnoloxía, material funxible) necesarios para desenvolver a súa actividade.

En concreto apoiarase - cunha contía de 450.000 euros para cada un - a 8 centros: o CITIC, da universidade da Coruña; o CIMUS, o CIQUS e o CITIUS, da Universidade de Santiago de Compostela; e o AtlanTIC, o ECIMATU, o CIA e o CINBIO, da Universidade de Vigo.

Esta achega enmárcase no obxectivo marcado polo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) de estimular o crecemento económico e social de Galicia mediante o impulso e a consolidación do seu capital científico e tecnolóxico, favorecendo o desenvolvemento dos centros que favorezan a investigación, a innovación e a transferencia.

Centros singulares

Os Centros Singulares de Investigación son aqueles nos que se integran as Agrupacións Estratéxicas, estruturas organizativas de investigación de dimensión superior ao grupo cuxa creación se propiciou desde a Xunta de Galicia, en torno aos grupos mais dinámicos do Sistema Universitario de Galicia. Neste momento as agrupacións estratéxicas intégranse nas tres Universidades nos seguintes Centros Singulares de Investigación:

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

UNIVERSIDADE DE VIGO

CITIC: Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións

CIQUS: Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares

 

CITIUS: Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información

 

CIMUS: Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

ECIMAT: Agrupación Estratéxica Oceanografía Estación de Ciencias Mariñas de Toralla

 

CIA: Campus Ourense. Centro de Investigacións Agroalimentarias

 

CINBIO: Centro de Investigación en Biomédicina Xenética Química e Descubrimento de Fármacos

 

AtlanTIC : Centro de Investigación en Tecno­loxías da Información e Comunicacións

 

Capacidade na I+D+i

As  Universidades son os axentes galegos que mellor compiten internacionalmente en programas de apoio á I+D+i respecto das empresas e Centros Tecnolóxicos, o que demostra a súa capacidade de xerar e difundir coñecemento. Conscientes do protagonismo central que se lle concede tanto dende a Comisión Europea na Estrategia Europa 2020 como naEstratexia de Especialización Intelixente ( RIS3) compre potenciar un cambio de modelo na estruturación da Investigación Universitaria a fin de atender os desafíos que debe afrontar o Sistema Galego de Innovación nos novos Programas Operativos da Unión Europea.

O Programa de Centros de Investigación Singulares de Galicia  é un programa impulsado polo Goberno de Galicia para  apoiar e visibilizar as actividades dos centros de investigación universitarios creados durante os últimos anos. Con este programa preténdese contribuír a construír un modelo de xestión da investigación de excelencia en Galicia co fin de incrementar o  rendemento da inversión pública e privada e  dar visibilidade ao conxunto de centros do Sistema Universitario de Galicia para  asegurar que a investigación que realizan alcance o maior  impacto posible.

Trátase polo tanto de crear un marco mas eficiente para a realización de unha investigación mas competitiva e con proxección internacional, capaces de xerar avances científicos de vangarda en torno a sectores de alta tecnoloxía, claves para la creación de novos espazos económicos e de empresas innovadoras 

 

De feito, e de forma adicional a este convenio para o funcionamento dos centros, a consellería destinará ata 2015 máis de 16,7 millóns de euros para os grupos de investigación, a través de 4 convocatorias dirixidas aos Grupos de Referencia Competitiva, Redes e Agrupacións Estratéxicas, Grupos de Potencial Crecemento e Proxectos de Investigadores Emerxentes.