Cultura e Educación difunde o valor histórico e artístico do Mosteiro de Armenteira nunha nova cita do ciclo Monumenta

A Consellería investiu máis de 320.000 euros na rehabilitación deste templo

O programa busca dar a coñecer elementos clave do noso patrimonio cultural recentemente restaurados a través da celebración nestes espazos de diferentes actividades culturais

Sáb, 23/11/2013 - 09:30
 Mosteiro de Armenteira
Mosteiro de Armenteira

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á difusión dos valores históricos e artísticos do Mosteiro de Armenteira (en Meis) a través dunha nova cita do ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’, programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial recentemente restaurados ou nos que están previstas actuacións de recuperación.

Despois do investimento de máis de 320.000 euros realizado pola Consellería neste conxunto, o Monumenta programa para esta tarde un obradoiro – sobre as intervencións das fachadas das igrexas- dirixido ás familias con posterior visita guiada ao conxunto arquitectónico de Armenteira. En concreto o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, está a realizar traballos para a recuperación da fonte do mosteiro, así como obras de limpeza e restauración de fachadas, de substitución e restauración das carpinterías -incluídos vidros de protección interior para o rosetón da fachada- e de reparación do pavimento interior. O programa de melloras inclúe, así mesmo, o soterramento da acometida eléctrica, a construción dunha rampla lateral que facilite o acceso de discapacitados ao interior, así como a drenaxe e pavimento do adro co obxectivo mellorar as súas condicións de conservación.

Tras a actividade dirixida ás familias, e xa coa asistencia da directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; Armenteira acollerá o ‘Noticiario Fol 1932’, un espectáculo que arranca coa proxección do filme histórico recuperado en 2012 por aCentral Folque e o CGAI, que se acompaña de música ao vivo –especialmente composta para a ocasión–do grupo Comisa Bal. A introdución histórica correrá a cargo de Ramom Pinheiro e Martin Pawley, que falarán sobre o cinema e a música nos anos 30 e, en especial, sobre a aparición do Mosteiro neste fita. A continuación a contadora e cantante Charo Pita deleitará aos asistentes cunha sesión de contacontos.

Achegar á cidadanía ao patrimonio recuperado

Ata o vindeiro 8 de decembro Monumenta promove o achegamento da cidadanía ao patrimonio galego recuperado. Concertos, obradoiros, visitas guiadas e faladoiros conforman a programación deste ciclo, que lles permitirán aos participantes apreciar o laborioso traballo de recuperación e de conservación levado a cabo nos bens patrimoniais nos que se celebra o ciclo e coñecer o valor dos monumentos, contando para elo coa participación de artistas e formacións musicais de referencia en Galicia, así como de músicos e entidades locais vinculados cos diferentes lugares nos que se realiza o ciclo. 

Así, ofrécense actuacións de recoñecidos artistas e de formacións musicais vinculadas cos propios lugares nos que se desenvolve o ciclo. Este apartado musical inclúe os concertos de Rosa Cedrón, de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, de María do Ceo, do Grupo 1500, de S@X21, da Rondalla Alfaia de Cenlle, da Coral Polifónica de Chantada e dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo, en homenaxe a Ángel Barja Iglesias.

O ciclo tamén conta coa participación do xornalista, músico e escritor Xurxo Souto, coa proxección do filme histórico Noticieiro Folk 1932, coa contadora e cantante Charo Pita e cunha performance musical e poética de UgMOV, con Ugia Pedreira e Marina Oural Villapol. O teatro de rúa tamén estará presente cunha recreación histórica a cargo do grupo Os Quinquilláns.

Obradoiros nos que as familias terá oportunidade de coñecer a arquitectura dos monumentos e o proceso de restauración dos bens, faladoiros cos veciños e veciñas do lugar para aprender, compartir e ampliar coñecementos, visitas guiadas e paseos sonoros completan a programación deste ciclo que promove a Consellería co obxectivo de difundir o interese e o aprecio polo patrimonio cultural galego.

O ciclo percorre as catro provincias galegas. Tras as actividades realizadas no claustro da catedral de Santa María en Tui, no santuario da Angustia en Betanzos, na igrexa de San Miguel de Osmo en Cenlle, na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño en Chantada e na igrexa do mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis; continuará a súa andaina no mosteiro de San Xusto de Toxos Outos en Lousame (día 30). En decembro desenvolverase na igrexa do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá (día 1), na do mosteiro de San Clodio en Leiro (día 24), na igrexa de Santa Cruz de Terroso en Vilardevós (día 7) e na de San Pedro de Moreiras en Toén (día 8).