O conselleiro de Cultura e Educación comproba o desenvolvemento do programa de estadías durante o outono para a mellora da competencia en linguas estranxeiras
Xesús Vázquez visitou hoxe o complexo dos Peares polo que pasarán ata decembro arredor de 500 alumnas e alumnos de 27 centros educativos de toda Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou esta mañá o desenvolvemento do programa de estadías durante o outono para a mellora da competencia en linguas estranxeiras que se está a desenvolver no Centro de Excelencia para a Formación en Inglés dos Peares; unha nova liña de actuación enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras a través da cal o departamento educativo da Xunta de Galicia desestacionaliza o modelo no que atinxe a estas actividades de formación. A ampliación a todo o curso destas estadía constitúe ademais un importante esforzo da Consellería, máis no actual contexto económico.
Arredor de 500 alumnas e alumnos de 6º de primaria e os 4 cursos de ESO de 27 centros educativos públicos – a selección beneficiou especialmente aos do rural- participarán este outono nesta experiencia. En concreto, neste momento están a gozar da estadía 96 estudantes de 2º de ESO do IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), IES Plurilingüe Adormideras (A Coruña), e do IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños). Cómpre salientar o total éxito desta iniciativa xa que solicitaron participar na convocatoria 150 centros educativos.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as competencias en lingua inglesa das rapazas e rapaces, a través dunha experiencia de comunicación neste idioma nun entorno no que se combina a aprendizaxe da lingua inglesa e se mesturan actividades de formación e actividades culturais. Así, ao longo da semana os estudantes, ademais de recibir clases de inglés, participarán en actividades como talleres de música e de arte realizadas de forma íntegra nesa lingua, combinación que contribúe a estimular a aprendizaxe e a facer a estadía moito máis atractiva para os rapaces.
Ademais do conselleiro, visitaron o centro o delegado xeral de Gas Natural Fenosa, Luís Díaz López; a product manager da liña Junior de Vaughan, Esther Muñoz; e o subdirector xeral de ordenación e innovación educativa e formación do profesorado, Manuel Vila.