A Consellería de Cultura e Educación requirirá á empresa do autobús escolar do colexio Outeiro das Penas de Cesantes (Redondela) que cumpra estritamente cos horarios
A comunidade educativa deste centro e do CEIP Quintela así como do concello de Redondela mantiveron esta mañá unha reunión co xefe territorial de Cultura e Educación para analizar a situación
A Xefatura Territorial de Cultura e Educación en Vigo requirirá á empresa concesionaria do servizo de transporte escolar dos colexios Quintela e Outeiro das Penas de Cesantes (Redondela) que cumpra estritamente cos horarios de recollida e regreso dos alumnos tras detectarse importantes irregularidades neste servizo.
Así llo trasladou o xefe territorial deste departamento, César Pérez Ares, á comunidade educativa e aos representantes do concello de Redondela cos que mantivo esta mañá unha reunión na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
No encontro estiveron presentes as directoras de ambos centros, os concelleiros de Tráfico, Educación e Deportes de Redondela así como os xefes de Inspección de Educación e de Transportes da Xefatura Territorial.
Na reunión, ambas directoras presentaron dous informes detallados sobre o acontecido nas últimas semanas co servizo de transporte destes centros, que veu a constatar a realidade do excesivo atraso co que están a chegar os autobuses ás paradas tanto de recollida como de devolución dos nenos. “Estas irregularidades están a provocar un importante atraso na chegada dos alumnos ao centro e as súas vivendas ao regreso, co cal entendemos as queixas dos pais e dos colexios”, explicou Pérez Ares.
Ante esta situación, a Xefatura Territorial anunciou ante os representantes da comunidade educativa e do concello que se enviará, a través do Servizo de Transportes deste departamento, unha serie de instrucións á empresa concesionaria para o mellor funcionamento do servizo. “Deste xeito, esixirémoslle que tome as medidas pertinentes de xeito inmediato”, continuou o xefe territorial, quen destacou que, a maiores, tamén se reunirán coa empresa para advertirlle de que “o incumprimento de estas instrucións podería suporlle medidas administrativas moi serias”.
César Pérez Ares rematou destacando que dende o Servizo de Transportes da Xefatura Territorial de Cultura e Educación en Vigo farase un seguimento exhaustivo do cumprimento das medidas que se lle esixirán á empresa concesionaria