A Mesa Sectorial de Educación analizou as normas de acrediteción para centros e titores das prácticas do novo máster en profesorado
Cada titor terá ao seu cargo un máximo de tres alumnos, aos que axudará na súa formación docente, asesorándoos e coordinando as súas actividades
A mesa sectorial docente non universitaria tratou hoxe as ordes para a acreditación dos centros e titores para a realización do practicum do novo Máster en profesorado, que comezará a impartirse en xaneiro. Os estudos irán destinados á formación en Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas para o curso 2010- 2011.
Durante a mesa sectorial os sindicatos e a Consellería analizaron a orde de acreditación de centros para a realización do practicum do Máster de profesorado. Uns estudos que substitúen ao antigo CAP, teñen como obxectivo a adquisición de experiencia na planificación, docencia e avaliación das materias de dita especialización, e a acreditación das bases precisas para impartir clases.
Acreditación de centros
Tanto os centros como os titores destes estudos seguirán as directrices recollidas na Orde do Máster ECI/3858/2007, de 27 de decembro, do Ministerio de Educación. Baseándose en dita norma hoxe analizouse a labor que desenvolveran os titores, e que consisten en acoller aos alumnos e alumnas, posibilitando a súa formación inicial. Ademais terán a responsabilidade de asesoralo, así como de coordinar as súas actividades e avaliar o desenvolvemento das prácticas.
A conexión entre os titores e as universidades implicadas será responsabilidade dos coordinadores de prácticas, eles serán os que aseguren que estudantes adquiran as competencias precisas para o desempeño da labor docente nun futuro.
As universidades serán as responsables do pagamento dos titores- que terán un máximo de tres alumnos cada un deles- e dos coordinadores do Máster. Ao finalizar os cursos os titores e coordinadores recibirán, por parte das universidade, unha certificación que validará o traballo realizado cos alumnos durante as prácticas.
Todo o proceso do practicum estará controlado por comisións de seguemento formadas polas universidades e a Consellería de Educación.
Actualizacións para o persoal docente
Na mesma Mesa Sectorial tamén se estudaron a concesión de licenzas por estudos, para o curso 2010-2011, para os funcionarios docentes non universitarios. Os interesados poderán solicitar un período de tempo sen impartir clases para poder rematar estudos ou a tese doutoral, así como para realizar proxectos de investigación e innovación. Estas licenzas tamén serán unha opción para os que queiran facer estadías no estranxeiro para realizar cursos de idiomas. Todos estes permisos serán concedidos en beneficio da comunidade docente, xa que permiten un constante reciclaxe do persoal e a actualización de coñecementos.
A outra orde estudada durante o encontro da Mesa Sectorial foi a relativa a convocatoria de actividades para o profesorado co fin de que melloren as súas competencias en inglés, francés, alemán e portugués, coas actividades no estranxeiro durante o curso 2010-2011.
Estes cursos ou estadías (de dúas, tres e catro semanas en xullo) permiten mellorar o nivel de competencia do profesorado, ao tempo que se fomenta a actualización metodolóxica. As actividades poderán ser solicitadas por aquel persoal que esté a traballar en centros públicos dependentes da Consellería de Educación, e que non gozaran destas estadías nos últimos tres anos. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes no enlace http://www.edu.xunta.es/formaes.