A actividade ‘Rosalía Pequeniña’, do programa ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación, chega á súa fin este domingo no concello ourensán de Pontedeva

A iniciativa musical coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística conmemorou o 150º aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ desde a Rede de Dinamización Lingüística achegoulle a poesía rosaliana cantada por Uxía á cidadanía de 40 localidades de Galicia

‘Acuario’ e ‘As pombas de Carboeiro’ chegan estes días a Cerceda, Ordes, Boiro e Oleiros

Ven, 08/11/2013 - 17:15
A actividade ‘Rosalía Pequeniña’, do programa ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación
A actividade ‘Rosalía Pequeniña’, do programa ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación, chega á súa fin este domingo no concello ourensán de Pontedeva

A iniciativa musical “Rosalía Pequeniña”, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, conmemorou o 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos” desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, chega ao seu fin esta fin de semana, con cadansúa sesión nos concellos de Carnota e Pontedeva. Faino logo de percorrer, no marco do programa “FalaRedes 2013”, un total de 40 localidades galegas para achegarlle á cidadanía a lingua galega por medio da poesía rosaliana cantada por Uxía.

Hoxe á tarde,  “Rosalía Pequeniña” chegará a Carnota, onde se poderá gozar no salón de plenos da Casa do Concello ás 18:00 horas. O domingo, o concerto ofrecerá o seu derradeiro pase dentro do programa “FalaRedes 2013” en Pontedeva, na Ludoteca da Veiga, ás 19:00 horas. Como todas as actividades do programa, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas.

40 concellos da RDL

A Secretaría Xeral de Política Lingüística programou “Rosalía Pequeniña” en 40 concellos pertencentes á RDL desde o mes de maio. Na actividade, a cantante Uxía, en colaboración cos músicos Sérgio Tannus e Santi Cribeiro, versionou 11 poemas para actualizar a poesía de Rosalía de Castro a ritmo de muiñeira, rock e blues que, por medio da música e da palabra, levou a promoción do uso do idioma propio de Galicia ao terreo dos afectos e dos sentimentos para que os cativos e as cativas gozasen en galego dos versos máis sobranceiros da poetisa do Rexurdimento.

“Rosalía Pequeniña” chega á súa fin, no marco de “FalaRedes 2013” e en colaboración coa Editorial Galaxia, logo de percorrer Pontecesures, Ferrol, Dodro, Mos, Ponteceso, Xunqueira de Espadanedo, Melón, Sobrado, Teo, Val do Dubra, Miño, A Pontenova, Palas de Rei, Betanzos, Xove, Dumbría, Forcarei, A Lama, Marín, Culleredo, Tui, Cuntis, Brión, Fene, A Baña, O Vicedo, Neda, Ponteareas, Toques, Cariño, Mondariz-Balneario, Carballedo, Cangas, Lousame, Baiona, Campo Lameiro, A Pobra do Brollón, Laxe, Carnota e Pontedeva.

‘FalaRedes 2013’

“Acuario” e “As pombas de Carboeiro”, outras dúas actividades incluídas no programa “FalaRedes 2013”, continúan a dinamizar o galego desde a RDL, co obxectivo de asociar a imaxe da lingua galega cos valores positivos da sociedade moderna, así como de reforzar o uso do galego entre galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos castelanfalantes.

Palabras desde o fondo do mar

O espectáculo teatral “Acuario” toma como punto de partida o libro homónimo de María Canosa para recrear o fondo dun inmenso acuario cheo de palabras presentado pola propia autora e polo elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos (Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas). A música en directo e os monicreques achegaralles aos pequenos de 5 a 8 anos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do litoral galego.

“Acuario” levará esta tarde poesía e teatro en galego, da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Axencia Galega das Industrias Culturais-AGADIC e da Deputación da Coruña, a dous concellos da RDL. A primeira das sesións será en Cerceda, cunha función ás 17:00 horas no Auditorio Municipal, mentres que a segunda delas terá lugar ás 19:15 horas, na Biblioteca Municipal de Ordes.

Dinamizando o idioma en colaboración coas bandas de música municipais

As bandas de música municipais das  localidades anfitrioas desta outra proposta de “FalaRedes 2013” coprotagonizan, canda o elenco artístico de Fantoches Baj, a historia dun frade que loita  por convencer o exército napoleónico de que non sacie a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro de Carboeiro. A técnica xaponesa do kamishibai combinada coa dramaturxia de Inacio Vilariño e Benxamín Otero, axúdanlle a descubrir ao público asistente a historia de amor imposible de Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán), que dará orixe á estirpe das Pombas de Carboeiro. Poderase gozar mañá, sábado, na Casa da Cultura de Boiro, ás 20:00 horas, e o domingo no Centro Cultural A Fábrica de Oleiros, ás 19:30 horas.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013” están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e nas redes sociais.

Menús News node R