Educación asina un acordo coa Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra para potenciar a formación dos profesionais deste sector prioritario en Galicia
Con este acordo a Consellería dá un novo impulso a formación dos traballadores desta ámbito laboral con criterios de excelencia e calidade
Os profesionais do sector da hostalería de Pontevedra poderán actualizar e mellorar os seus coñecementos en centros dependentes da Consellería de Educación, ao abeiro dun convenio asinado hoxe por este departamento e a Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra (FERPROHOS). Tal e como explicaron o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da federación, José Manuel Magaz Ledo, o acordo contempla o desenvolvemento de actividades formativas nos dous centros da provincia que imparten ensinanzas de formación profesional da familia de hostalaría e turismo, nomeadamente no IES Manuel Antonio, de Vigo; e no CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra.
Tras asinar o acordo o conselleiro recordou que “esta é unha demostración máis da nosa aposta porque Galicia conte con profesionais cualificados dos distintos sectores, que permita que as nosas empresas sexan máis competitivas. Así mesmo, con este convenio promóvese un maior achegamento entre os nosos centros e o mundo empresarial, o que redundará nunha maior calidade das nosas ensinanzas”.
Os obxectivos
O acordo, de carácter anual e prorrogable, permitirá que se desenvolvan programas formativos nos devanditos centros, ambos de titularidade pública e dependentes da Consellería de Educación. Nestes espazos FERPROHOS, que se fai cargo dos custos ocasionados polo desenvolvemento destas accións formativas, poderá dar unha maior formación cualificación aos profesionais da hostalaría de Pontevedra, a través dos coñecementos impartidos polo profesorado destes centros de formación profesional.
A través deste acordo ambas as dúas partes resultarán beneficiadas xa que se produce un intercambio de coñecementos entre as partes implicadas para un pleno desenvolvemento das ensinanzas. Por unha banda os profesionais da hostalaría, un dos sectores máis importantes para a economía da provincia de Pontevedra, terá una formación máis profesionalizada do seu traballo. Mentres que, por outra banda, o profesorado de ambos centros educativos terá a posibilidade de aprender das experiencias do día a día dos traballadores, o que beneficiará ao alumnado que curse ciclos formativos da familia de hostalaría e turismo.
Tras asinar o convenio Vázquez Abad percorreu as instalacións do IES Manuel Antonio, acompañado polo director do mesmo, Manuel Hermo Piñeiro; o director do CIFP Carlos Oroza, Primitivo López Valcarce; o presidente de FERPROHOS, José Manuel Magaz Ledo; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucia Molares; e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
Con este convenio a Consellería volve dar un forte impulso á formación continua ao longo da vida, co fin de acadar unha maior competitividade e produtividade dos sectores de maior peso na economía galega.