O conselleiro de Cultura e Educación visita as obras finalizadas de reforma da zona residencial do IES de Vilamarín
Xesús Vázquez Abad comprobou ademais o resultado dos traballos de mellora acometidos en varias zonas do centro, que rematarán coa instalación dun montacargas que conecte todos os pisos do edificio
A Consellería investiu nos últimos anos máis de 386.000 euros en diversas reformas nas instalacións, así como para os fondos destinados á biblioteca escolar deste centro de referencia na familia profesional de FP de Hostalaría e turismo
Nos últimos cursos incrementouse a oferta en ciclos formativos o que implicou un incremento no persoal docente do centro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá as obras finalizadas da reforma da zona residencial do IES Vilamarín, uns traballos que consistiron na renovación dun total de 17 dormitorios- unha ducia deles na primeira fase, no 2012, e outros 5 na segunda, no 2013-. Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; polo director do centro, Alberto Otero; e mais pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.
Nos últimos anos a Consellería ten investido neste centro, de referencia na familia profesional de FP de Hostalaría e turismo, máis de 386.000 euros en diversas reformas nas instalacións, así como para os fondos destinados á biblioteca escolar. En concreto nas reformas dos anos 2012 e 2013 investíronse máis de 253.000 euros.
Novas melloras
Así, ademais da mellora da zona residencial, executáronse diferentes melloras na cociña, taller de servizos, na instalación eléctrica, e implantouse en todo o centro a radiofrecuencia, e está previsto colocar un montacargas que conecte todos os pisos do edificio. Unha obra que permitirá optimizar os recursos e usos das instalacións xa que a través do ascensor quedaran conectados a cociña, o economato e o almacén. Estes traballos uníronse aos xa realizados anteriormente a través dos que se fixo unha importante adaptación de espazos, o que permitiu a creación dunha lavandería, e renovouse a pavimentación.
Para a renovación dos 17 dormitorios substituíuse a carpintería exterior e vidrieiras, pintáronse as paredes, colocáronse novas portas, e cambiouse o falso teito e o pavimento. Ademais modificouse a configuración de armario e fíxose unha remodelación completa dos cuartos de baño, incluíndo instalacións de auga e desaugues, así como os aparatos sanitarios. Unha residencia que acolle estudantes procedentes de distintos puntos de Galicia e procedentes doutras comunidades autónomas.
Incremento oferta
Cómpre destacar que o IES de Vilamanrín incrementou a súa oferta formativa nos últimos cursos escolares, e grazas a o respaldo da Consellería duplicouse o número de docentes do centros, que atende aos máis de 300 estudantes que na actualidade realizan os seus estudos no centro ourensán.
A oferta educativa incorporou novos títulos a súa oferta formativa con novos ciclos superiores como o de dirección de servizos, xestión de aloxamentos turísticos ou dirección de cociña. Ademais implantouse, en oferta modular, o ciclo medio de servizos. Unha mellora na oferta que esta a ter resposta nun maior recoñecemento por parte do mercado laboral e empresarial, favorecendo a inserción laboral do alumnado.