A Consellería de Cultura e Educación presente na inauguración do curso 2013/2014 da UNED en Ourense

O secretario xeral de Universidades participou no acto de apertura do ano académico destas ensinanzas no 41 curso en activo

Mér, 30/10/2013 - 19:30
O secretario xeral de Universidades participou no acto de apertura
O secretario xeral de Universidades participou no acto de apertura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro participou hoxe no de inauguración do curso académico 2013/2014 no centro asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Ourense.

Durante a súa intervención o secretario xeral de universidades sinalou que “é unha honra estar aquí celebrando a importancia da educación superior e da investigación universitaria no benestar do noso país. Superados os seus corenta anos de vida, a UNED segue con fidelidade os seus principios creadores, permitindo a convivencia do rural e o universitario, crucial para contornas como a galega”.

Díez de Castro incidiu en que “o alumnado da UNED aprende a través dos sistemas dixitais e a Internet, pero ao seu carón están os seus ensinantes. Para eles, ao igual que para o resto dos universitarios, os docentes son a pedra angular da súa formación, que se completa, iso si, co uso de plataformas virtuais e audiovisuais. Por iso me gustaría facer unha mención especial aos equipos docentes, para agradecerlles o seu excelente traballo, a entrega e o compromiso que amosan, a pesar do incremento das súas responsabilidades. Sen perder nunca a ilusión, a capacidade de traballo e a implicación co seu alumnado”.

Participantes

A inauguración do curso comezou coa lectura da Memoria Académica do curso 2011/2012 polo profesor do centro asociado Julio Prada Rodríguez. Tras el Roberto Igancio Fernández López, profesor titular da universidade de Vigo de Dereito Financeiro e Tributario e Titor da UNED-Ourense, impartiu a lección inaugural baixo o título “La mala educación tributaria:antesala del Estado del malestar”.

En representación dos novos titulados da UNED-Ourense interveu José Antonio Vázquez Losada, e a quenda de intervencións continuou co propio Díez de Castro; o alcalde de Ourense e vicepresidente do Consorcio do Centro Asociado, Agustín Fernández; o presidente do devandito consorcio, José Manuel Baltar; e o vicerreitor de ordenación Académica e Profesorado da UNED, Ignacio Zúñiga López.

O acto pechouse coa entrega de diplomas a unha representación das alumnas e alumnos que remataron os seus estudos neste centro asociados, e coa actuación da coral Camerata Auriense, coa que se entoou o ‘Gaudeamus Igitur’ para dar por inaugurado o novo curso académico.