Cultura e Educación fai balance do proxecto “Échangeons notre échange scolaire” na Xornada de Bretaña en Galicia

A iniciativa, que forma parte do proxecto educativo europeo Comenius Regio, está coordinada pola Consellería e permitiu o intercambio de experiencias entre dous institutos galegos e centro educativos da Bretaña francesa

Ven, 18/10/2013 - 17:00
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Man
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou na inauguración deste encontro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai hoxe balance da experiencia que supón o programa “Échangeons notre échange scolaire”(“Intercambiemos o noso intercambio escolar”) na Xornada de Bretaña en Galicia, un encontro que se celebra ao longo de todo o día no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou na inauguración deste encontro, no que se presentan as iniciativas desenvolvidas ao abeiro deste proxecto, que forma parte do proxecto educativo europeo Comenius Regio, e está coordinada pola Consellería.

“Échangeons notre échange scolaire” é un proxecto de intercambios no que, alumnas e alumnos IES Neira Vilas (Oleiros, A Coruña) e do IES Monte Neme (Carballo, A Coruña) participaron nun intercambio de estudos na Bretaña francesa. Nesta actuación están implicados tamén o Collège Notre Dame de Némimur de Vannes, a Asociación de Profesores de Francés, o Concello de Vannes, da Bretaña francesa e o Comité Bretaña - Galicia. O obxectivo deste proxecto é, de feito, elaborar un modelo e unha plataforma para difundir e promover os intercambios escolares entre Galicia e a Bretaña francesa, un modelo que buscan exportar tamén para outras rexións. Desta forma buscan divulgar, sistematizar e apoiar os intercambios como un método eficaz para a aprendizaxe das linguas estranxeiras e para a integración da multiculturalidade na escola.

Ao longo da xornada celebraranse mesas redondas arredor das experiencias vividas nos intercambios, presentaranse as impresión do alumnado participante no proxecto a través das imaxes tomadas por eles mesmo, e ofrecerase unha aproximación á lingua bretoa.

O departamento educativo da Xunta de Galicia desenvolve na actualidade 4 proxectos Comenius Regio. Na convocatoria de 2013 aprobáronse para a nosa comunidade autónoma 3 novos proxectos dun total de 28 subvencionados en toda España.

Menús News node R