A Consellería de Educación licitará o concurso para a construción do novo IES do Milladoiro
Ademais, reitera a solicitude de posta a disposición de terreos para a construción dun novo CEIP no Concello
De conformidade coa petición do alcalde de Ames, Carlos Fernández, relativa á entrevista para aclarar as intencións da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre a escolarización do Concello, informóuselle de que o vindeiro mes de xullo a Consellería de Facenda ten previsto publicar o decreto polo que se acepta a cesión dunha parcela de 11.780 metros cadrados para a construción do novo IES do Milladoiro. Este centro constará de 16 unidades de ESO e 3 de Bacharelato.
Actualmente este proxecto está entregado polo equipo redactor e pendente da supervisión da oficina técnica da Consellería, para unha vez publicado o decreto de aceptación, solicitar a oportuna licenza de obras. Con posterioridade, licitarase a obra de construción, que dada a súa contía, deberá anunciarse no Diario Oficial da Unión Europea.
Por outra banda, e en relación coas necesidades de escolarización en educación infantil e primaria en Ames, e diante da imposibilidade que ten actualmente o Concello de ofertar unha parcela de 12.000 metros cadrados, o alcalde ofreceuse a buscar unha localización idónea, ben nunha parcela de uso deportivo preto da situación do novo IES, ben mediante a expropiación dos terreos precisos nunha área de protección de infraestruturas.
Unha vez que o Concello teña adquirido e posto a disposición da Xunta terreos abondo para a edificación do novo CEIP, a Consellería iniciará os trámites oportunos para a licitación do proxecto de execución e a ulterior licitación das obras