A Consellería de Educación ofertará sete novos ciclos de Formación Profesional o vindeiro curso
Os novos currículos súmanse aos 20 xa implantados no presente curso
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai ofertar o vindeiro curso sete novos títulos de Formación Profesional, todos eles adaptados á Lei das Cualificacións e Formación profesional. Así o explicou hoxe o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, nunha comparecencia en Comisión parlamentaria.
Estas titulacións darán resposta ás necesidades de cualificación dos sectores produtivos e de servizos galegos, o que favorece unha inserción laboral inmediata e unha proxección profesional futura; e forma parte do pleno exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Este é o caso, de forma significativa, dos títulos de técnico en Produción Agroecolóxica, e de técnico en Produción Agropecuaria, ambos os dous de nova creación. Non en balde, este último refunde os ciclos de Explotacións agrarias Extensivas, Explotacións Agrícolas Intensivas e Explotacións gandeiras, co fin de conseguir un currículo adaptado ás demandas profesionais do sector.
Da mesma forma, para dar resposta ás necesidades do sector da lousa, pasa a impartirse no CIFP de Someso (A Coruña) formación en Cubrición de edificios: lousas. Así mesmo, o título de técnico en Instalacións de Telecomunicación, adaptado aos perfís profesionais que demandan na actualidade as empresas do sector, pasa a substituír ao ciclo formativo de grao medio de equipos electrónicos de consumo. O ciclo medio que se imparte na actualidade ten un perfil profesional orientado a unha competencia xeral de instalar e manter equipos electrónicos de consumo, de son e imaxe, microinformáticos e terminais de telecomunicación, que pola evolución do sector que se deu nos derradeiros 15 anos non está a ser demandado en toda a súa extensión, obrigando aos titulados a realizar unha nova formación de cara a cubrir as necesidades do mercado de traballo coas cualificacións que este require.
Así, este ciclo nace como unha titulación moi demandada, coa que o sistema educativo galego vai poder preparar ao alumnado en competencias tales como montaxe e mantemento, de infraestruturas de telecomunicación, instalacións de circuíto pechado de televisión e seguridade electrónica, centrais telefónicas e infraestruturas de redes de voz e de datos, sonorización e megafonía, instalacións de radiocomunicacións, sistemas domóticos e equipamentos informáticos.
Por outra banda, incorpóranse á oferta formativa outras catro titulacións que pasan a substituír a outras actualmente vixentes, para dar aos estudantes unha formación actualizada e axeitada ao mercado de traballo dos nosos días. Deste xeito implantaranse os títulos de técnico superior en Deseño e fabricación Mecánica, Viaxes e Xestión de Eventos, Administración de Sistemas Informáticos en Rede e Guía, información e asistencias turísticas. Todos estes ciclos incluirán un módulo de formación en centros de traballo que posibilita que o alumnado complete a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Ademais, pasan das 1.400 horas a ter unha duración de 2.000, co que se consigue unha formación aínda máis completa.
Por outra banda, e atendendo á crecente demanda por parte dos estudantes, volve a implantarse no IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos, (Lugo), o ciclo medio de Coidados auxiliares de enfermaría.
Ampliación da oferta
Ademais dos de nova creación e novas implantacións, a Consellería de Educación vén de ampliar a oferta en varios ciclos formativos. O caso máis significativo é o da implantación no IES de Vilamarín (Ourense) do ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos, uns estudos que ata o momento só se estaban a impartir en Santiago de Compostela. Grazas á residencia para estudantes coa que conta este centro, alumnas e alumnos de toda Galicia poderán realizar estes estudos no instituto ourensán.
É tamén de especial importancia para o sector o ciclos superior de Química Industrial, que comezará a impartirse o vindeiro curso no IES Marqués de Sargadelos, de Cervo (Lugo), coa colaboración da empresa Alcoa.
Ademais, haberá ata seis ampliacións de oferta modular en ciclos formativos para adultos de diferentes ramas profesionais, coa finalidade de atender as demandas de inscrición.
Case 800 ciclos
En total o vindeiro curso ofertaranse en centros públicos 648 ciclos, 339 de grao medio, e 309 de grao superior; e 148 para adultos, dos que 73 son de grao medio e 75 de grao superior.
Isto é posible grazas, segundo explicou o director xeral de Educación ao proceso de reforma e modernización da FP que está a desenvolver a Consellería de Educación, polo que ata o momento se adaptaron 20 ciclos formativos nesta lexislatura e se harmonizou con eles outros 6 xa modificados polo goberno anterior. Na actualidade, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa está a traballar sobre oito novos currículos cos que mellorar a oferta e poñer en valor estes estudos, e situar Galicia entre as primeiras comunidades autónomas en ter adaptado todos os títulos autorizados polo Ministerio de Educación. Esta estratexia compleméntase coa próxima aprobación dun novo decreto que regulará a formación profesional, introducindo nos ciclos formativos as linguas estranxeiras e que recolle promover o espírito emprendedor entre os estudantes, nos que se desenvolverá ademais unha identidade profesional que os leve a interesarse por unha aprendizaxe continua, adaptándose á evolución dos procesos produtivos e ao cambio social.
Así mesmo, a Consellería de Educación está a promover a figura dos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), que imparten oferta de Formación Profesional Ocupacional e Formación Profesional Continua