O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e a Universidade de Río de Janeiro para a promoción da lingua e a cultura galegas

O acordo ten como obxectivo promover a docencia e a investigación da nosa literatura e cultura na Universidade do Estado brasileira

Xov, 17/12/2009 - 14:16

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas na Universidade do Estado do Río de Janeiro, en Brasil. En virtude deste acordo, a Consellería de Educación achegará un total de 63.976 euros para o desenvolvemento destas actividades ata o 31 de decembro do ano 2012, non só no ámbito académico, senón tamén en toda a súa área de influencia.

Coa sinatura deste convenio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística -dependente da Consellería de Educación- dá continuidade aos estudos de lingua, literatura e cultura galegas que se veñen desenvolvendo desde o ano 1998 na universidade brasileira, no marco do Programa de estudos galegos do Instituto das Letras.

Ademais, esta subvención, que é compatible coa percepción de calquera outra destinada ao mesmo fin, Política Lingüística demostra o seu compromiso coa función normalizadora da lingua galega e coa súa difusión fóra do ámbito territorial que lle é propio.

Programa de estudos galegos

Ao abeiro deste convenio de colaboración, a Universidade do Estado de Río de Janeiro organizará cursos, conferencias, seminarios e outras múltiples actividades para a promoción e difusión da nosa lingua e cultura.

Ademais, comprométese a acoller un lector ou lectora de lingua, literatura e cultura galegas, responsable de desenvolver as actividades recollidas no acordo asinado. Así mesmo, este lector ou lectora impartirá nesta universidade a materia obrigatoria "Lingua portuguesa I" e as optativas "Introduçao á cultura galega", "Língua galega", "Literatura galega I" e "Literatura galega II"; así como as materias de posgrao na liña de pescuda na literatura portuguesa e outras literaturas.

A Universidade do Estado deberá facilitarlle a estadía, a este docente, permitíndolle o uso daquelas instalacións e medios que se atopen a disposición do profesorado para o desenvolvemento do seu labor. Pola súa banda, a achega económica da Consellería de Educación garante a posibilidade de adquirir o material bibliográfico, fonográfico, videográfico, informático e infraestrutural necesario para levar a cabo as iniciativas recollidas no convenio.

Menús News node R

Departamento

Colectivo

Ensinanza