A Consellería de Educación implanta por primeira vez o sistema de matriculación online para as Escolas Oficiais de Idiomas en Galicia
A Consellería ampliará a oferta educativa das EEOOII, co fin de ofrecer o mellor servizo aos seus usuarios
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai implantar o vindeiro curso por primeira vez o proceso de matriculación online en todas as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia. Deste xeito, os interesados en seguir ensinanzas de idiomas nas escolas poidan acceder, a través dos seus portais web respectivos, a toda a oferta de grupos nas distintas quendas. Esta matrícula por Internet suprimirá a imaxe das colas de matrícula, cun procedemento áxil, transparente e máis eficaz, simplificando os trámites de xestión, a través da internet.
Co novo sistema, o usuario, desde a súa casa, poderá elixir a opción que máis lle conveña e realizar a preinscrición como alumna ou alumno oficial. Isto é posible porque a Consellería, a través da Inspección educativa e de acordo coas direccións das Escolas, estableceu xa a oferta educativa para a xornada lectiva e para todas os idiomas. A finalidade é aproveitar ao máximo a capacidade de cada unha das EOI, e que non queden interesados sen recibir a formación que demandan.
Así mesmo, a Consellería vai aplicar tamén as EEOOII o calendario escolar ordinario, polo que este anos as probas de clasificación realizaranse entre os días 10 ao 17 de xuño, en vez de en setembro. Estas probas van dirixidas a interesados que xa teñen coñecemento dalgún idioma e queren acceder a un curso que non sexa o primeiro.
Ampliación da oferta
Ademais, as Escolas Oficiais de Idiomas contarán no curso 2010/2011 cunha oferta ampliada, coa que poderán ofrecer unha formación máis completa ao alumnado. Así, a Consellería aumentará en 32 o número de grupos en ensinanzas regradas de idiomas nestes centros, nos que se ofertará por primeira vez os niveis intermedios de chinés e xaponés.
Tamén está previsto ampliar a oferta de cursos específicos non ordinarios destinados a colectivos profesionais de distintos sectores (formación do profesorado, comercio, turismo, sanidade), unha oferta de gran repercusión na formación continua destes traballadores.
Incremento de alumnado
O dominio das linguas, as propias como as estranxeiras, considerase unha das competencias clave para o cidadán do século XXI. A Xunta de Galicia, a través da rede galega de 11 Escolas Oficiais de Idiomas -das que dependen 18 seccións- está a traballar para que as galegas e os galegos se integren plenamente na Europa plurilingüe e multicultural.
Ademais, o traballo da Consellería de Educación para mellorar a oferta de ensinanza de idiomas, no presente curso 2009-2010 permitiu que o alumnado destes centros ascendera a 26.582, aumentando globalmente en 3.351 alumnos fronte ao curso anterior.
Declaracións do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema (1)
Declaracións do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema (2)