O director xeral de Centros e Recursos Humanos visita o IES Xelmírez I para comprobar a normalidade da volta ás aulas

A Consellería de Cultura e Educación leva invertidos preto de 200.000 euros neste centro compostelán nos últimos anos

Mar, 17/09/2013 - 14:24
O director xeral de Centros e Recursos Humanos visita o IES Xelmírez I
O director xeral de Centros e Recursos Humanos visita o IES Xelmírez I

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, visitou esta mañá o IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, onde comprobou que a normalidade foi a tónica dominante neste instituto no que onte se incorporaron ás aulas máis de 900 alumnas e alumnos de ESO e Bacharelato.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo xefe territorial de Educación da Coruña, Indalecio Cabana; e polo director do IES Xelmírez I, Manuel Portas Fernández; o director xeral confirmou que as clases se iniciaron sen ningunha incidencia neste centro, no que a Consellería leva invertidos preto de 200.000 euros nos últimos anos tanto en melloras estruturais como en equipamento educativo.

Compromiso coa calidade educativa

Ao longo do seu percorrido, José Manuel Pinal recordou que no ano 2013 a Consellería puxo en marcha dúas obras de mellora das instalación deste IES. A primeira delas, xa concluída, permitiu aumentar a superficie do centro por medio da remodelación dunha aula. Proximamente, realizarase a reforma do ascensor para ofrecerlle unha mellor accesibilidade aos escolares e ao persoal docente.

Así mesmo, o director xeral destacou que este instituto está incluído en varias iniciativas educativas que posibilitan unha aprendizaxe con maiores facilidades e de maior calidade. Ademais de estar incluído no proxecto ABALAR dende o ano 2011, forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), grazas ao cal durante o curso 2011/2012 se levou a cabo unha reforma da súa histórica biblioteca, supervisada polo propio José Manuel Pinal.

Inicio dun novo curso

Cómpre recordar que en Galicia xa se incorporaron ás aulas máis de 346.000 estudantes non universitarios, nun inicio de curso marcado pola normalidade en todos os niveis educativos. Así, o pasado 11 de setembro comezaron as clases 67.591 escolares de Infantil e 133.199 de Primaria. Pola súa banda, onte arrincou a actividade escolar de ESO e Bacharelato, con 87.473 e 30.854 alumnas e alumnos respectivamente.