Máis de 100 persoas participan nas Xornadas de Electricidade e Electrónica organizadas polo Centro de Formación e Recursos da Consellería de Cultura e Educación en Pontevedra
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa participou hoxe na inauguración deste encontro, que se desenvolve hoxe e mañá no Pazo da Cultura
Máis de 100 persoas participarán hoxe e mañá nas Xornadas de Electricidades e Electrónica 2013, organizadas polo Centro de Formación e Recursos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra, e que se celebran no Pazo da Cultura. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou hoxe na inauguración do encontro, que conta tamén coa colaboración do Concello de Pontevedra, APEEGA, ABTech, ABB e ICTEL. Os asistentes a esta actividade poderán obter un certificado de 12 horas de formación do profesorado.
Tras a inauguración as xornadas arrancaron cun relatorio de Carlos Zamorano, de Vodafone España, arredor da situación e evolución das redes de banda ancha e de alta velocidade; seguido da intervención de Óscar Varela, de BricoGeek, arredor das posibilidades do hardware e software libre. O programa da mañá pecharase co relatorio de Juan Ramón García, de ICTEL Ingenieros, sobre a domótica. Xa pola tarde, José Manuel Fernández, de Telefónica España, achegará aos asistentes ao deseño e instalación das redes FTTH; intervención tras a que se celebrarán 4 seminarios simultáneos, da man de PRODEL-EXPERTIA, ICTEL Ingenieros, ELECTRODOSON, e da experiencia do IES Escolas Proval arredor da ensinanza neste eido.
O día 11 José María Núñez, de ABTech, será o encargado de abrir a quenda de intervención, neste caso cun relatorio arredor do pasado, presente e futuro dos sistemas de automatización de vivendas; mentres que Juan Antonio Sánchez, de KNX Área Noroeste, abordará os sistemas de automatización do fogar. O programa pecharase co ‘Automatización na industria. Control AF’, de Jorge Fernández (ABB), e coa reunión da Asociación de Profesores de electricidade e Electrónica de Galicia (APEEGA).