Cultura e Educación reforza as ensinanzas da FP galega na Coruña a través da renovación da colaboración coa Fundación Centro Oncolóxico Rexional de Galicia
Os estudantes que estean a cursar no CIFP Ánxel Casal Monte-Alto (A Coruña) o ciclo de grao superior de FP en Radioterapia poderán empregar as instalacións especiais desta entidade
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renovará para o vindeiro curso 2013/2014 a súa colaboración coa Fundación Centro Oncolóxico Rexional de Galicia José Antonio Quiroga y Piñeyro para a formación de alumnado de FP, tras o visto e prace hoxe do Consello da Xunta.
Así, o alumnado que curse ensinanzas da familia profesional de Sanidade no CIFP Ánxel Casal Monte-Alto (A Coruña), en concreto o ciclo de grao superior de Radioterapia, poderá desenvolver os módulos de Fundamentos e técnica de tratamentos de teleterapia, e Fundamentos e técnica de braquiterapia nas instalacións Fundación, que dispón das instalacións e do equipamento preciso para a impartición destes módulos. Así mesmo, a Fundación Centro Oncolóxico Rexional de Galicia achegará o profesorado especialista necesario para a impartición destas ensinanzas.
Desta forma a Consellería demostra unha vez máis o seu compromiso cunha FP galega de calidade, procurando a mellor formación práctica do seu alumnado. Neste sentido cómpre salientar que o espazo e equipamento destas fundacións permiten ao alumnado dos devanditos ciclos adquirir mellores competencias no desenvolvemento das tarefas relacionadas coas súas competencias profesionais.