Cultura e Educación ofrece na ESAD o primeiro Congreso de Investigacións Escénicas coa participación de 25 relatores e unha dedicación especial a Roberto Vidal Bolaño
O encontro, que se desenvolverá en Vigo do 9 ao 19 de setembro, abordará distintos ámbitos de coñecemento e praxe dramática, ademais de varias mesas de traballo centradas na figura do dramaturgo compostelán
Aberto a toda a cidadanía, intervirán nel destacados expertos, como José Romera Castillo, De Sousa Lopes ou Eduardo Pérez Rasilla, así como profesionais e docentes galegos
A Escola de Arte Dramática, dependente da Consellería, conta co apoio da Agadic para a celebración desta primeira iniciativa investigadora dentro do seu programa formativo Escénika
A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza na súa sede de Vigo entre os próximos 9 e 19 de setembro o I Congreso de Investigacións Escénicas, que reunirá a 25 expertos e máis de 150 alumnos, mestres e público xeral para abordar distintos ámbitos do coñecemento e a praxe dramática, ademais de sumar novas achegas sobre o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.
Con esta iniciativa, que se enmarca no programa formativo Escénika, a ESAD de Galicia amplía o seu formato de actividades complementarias e permanentes cunha importante cita destinada tanto aos estudantes do centro como aos xa titulados, ao sector profesional, aos colectivos afeccionados e á sociedade en xeral. Ademais, o congreso permitirá potenciar unha cultura investigadora na ESAD como un dos retos fundamentais para a súa integración no Espazo Europeo da Educación Superior.
A Consellería apoia tamén o valor deste evento para as empresas culturais galegas mediante a colaboración coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), cuxo director, Jacobo Sutil, participou hoxe no acto de presentación do evento xunto a Manuel F. Vieites, director da ESAD.
Salto cualitativo
Na súa intervención, o responsable da Agadic subliñou a relevancia da marca Escénika como “necesario espazo de encontro entre o ámbito académico, a profesión teatral e a cidadanía a través de diferentes propostas de formación” e do “salto cualitativo” que supón a organización deste primeiro congreso internacional. Sutil Nesta destacou tamén o valor estratéxico deste tipo de iniciativas como xeradoras de estudos que incidirán no funcionamento das industrias culturais galegas e detívose na trascendencia de dedicar boa parte dos seus contidos á figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño.
Expresou, así mesmo, o seu recoñecemento ás diferentes liñas de traballo que desenvolve día a día a ESAD, “onde –engadiu- se están a formar cunha solvencia máis que acreditada as novas xeracións de profesionais chamados a escribir as próximas páxinas da historia do teatro en Galicia”.
Dous bloques temáticos
A través dos distintos relatorios e mesas redondas previstas no Congreso, iranse presentando de xeito intercalado os contidos dos dous grandes bloques temáticos deseñados: un estritamente centrado no perfil multifacético como creador escénico de Roberto Vidal Bolaño; e outro con intervencións de diversa índole sobre as investigacións que están a levar a cabo expertos internacionais, titulados e profesores da ESAD de Galicia.
Así, e baixo o subtítulo "Seminario Roberto Vidal Bolaño", o I Congreso Internacional de Investigacións Escénicas será un lugar de intercambio e posta en común con especialistas que tiveron unha relación profesional e persoal co grande artista teatral. Neste sentido, o programa vai ofrecer unha oportunidade excepcional para coñecer as distintas caras dun mesmo creador. Estarán presentes a narración das experiencias, dos recordos e das iniciativas postas en marcha durante o período autonómico galego (no teatro, no audiovisual e na dobraxe) da man das achegas de nomes como Eduardo Alonso, Avelino González, Uxía Blanco, Antonio Mourelos, Laura Ponte, Roberto Pascual, Damián A. Villalaín ou Manuel Guede Oliva.
No outro bloque, o feito teatral será abordado desde as disciplinas da dirección coral, da creación dramática, da produción escénica, da análise dos espectáculos ou das técnicas de interpretación. Neste apartado participarán destacados expertos de ámbito internacional, como José Romera Castillo, Marcelino De Sousa Lopes ou Eduardo Pérez Rasilla, que compartirán o programa do congreso con profesionais e docentes galegos.