A Consellería de Cultura e Educación achegará 2.800.000 euros para a estabilización de 22 investigadores nas universidades galegas

Esta achega permitirá financiar integramente os seus contratos durante tres anos

En total o programa de estabilización permitiu a incorporación de 60 investigadores/as nas universidades do SUG nos últimos 3 anos.

Mar, 03/09/2013 - 13:59
O conselleiro de Cultura durante a súa reunión cos reitores das universidades ga
O conselleiro de Cultura durante a súa reunión cos reitores das universidades galegas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long; da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto Barbeito; e  da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia; asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que o departamento autonómico achegará 2.783.447,04 euros para incentivar a incorporación estable no Sistema Universitario Galego (SUG) de investigadores cunha traxectoria destacada. Este concerto, con carácter plurianual dende este ano ata o 2016, ten como obxectivo favorecer e consolidar o acceso do persoal posdoutoral ás universidades galegas. Este novo respaldo da Xunta á investigación incidirá na renovación xeracional no ámbito da investigación, consonte coas necesidades presentes e futuras.

A Consellería de Cultura e Educación continúa así na súa liña de fomentar as accións para incentivar a integración de novo persoal docente, cofinanciando coas universidades os gastos de persoal vinculados ao desenvolvemento do traballo dos investigadores. A devandita contía corresponde ao custe do financiamento de 22 postos de traballo por un período de tres anos equivalente á retribución dun profesor/a titular de universidade. Desta maneira, a dotación para cada novo traballador será de 42.173,44 euros ao ano.

Compromiso estable

Este convenio, que se asina por terceiro ano consecutivo, posibilitou nos últimos tres anos a incorporación dun total de 60 investigadores/as procedentes do programa de formación posdoutoral Isidro Parga Pondal nas universidades galegas o que proba a alta cualificación das persoas que se forman neste programa.

Cómpre destacar que, dende o ano 2011 e ao amparo do novo Plan I2C, contan con esta achega todos os investigadores/as estabilizados polas universidades dentro do programa Isidro Parga Pondal sen necesidade doutros trámites ou convocatorias competitivas previas como acontecía no anterior Plan INCITE.