O conselleiro de Educación asegura no Parlamento que o 77% das aulas beneficiadas polo Proxecto ABALAR son públicas
Xesús Vázquez Abad lembra que a iniciativa galega absorbeu o Escola 2.0 do Ministerio que so aporta a terceira parte dos 12 millóns cos que o dotou a Xunta
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou hoxe na súa intervención no Parlamento que o 77% das aulas que o vindeiro curso se beneficiarán do Proxecto ABALAR serán de centros públicos e un 23% dos concertados. O titular do departamento dixo tamén que esas porcentaxes ou outras semellantes son as que se rexistran en comunidades mesmo gobernadas por outras forzas políticas, e lembrou que a iniciativa do seu goberno absorbeu o plan Escola 2.0 “no que o Ministerio só aporta a terceira parte dos doce millóns cos que está dotado o ABALAR”.
Vázquez Abad destacou que estas cifras demostran, unha vez máis, que desde a Consellería de Educación cumpriuse co convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Ministerio de Educación, e lembrou que neste acordo “se establecía que a dotación de ordenadores será para todas as alumnas e alumnos, non para centros educativos nin para concellos concretos”. Tras indicar que “o convenio fixa como destinatario do programa, a todo o alumnado de centros sostidos con fondos públicos, igual que sucede noutras comunidades autónomas”, Vázquez Abad engadiu que “a Consellería analizou a realidade educativa de toda Galicia, e afrontou que o alcance do proxecto tiña que situarse sobre as 700 aulas, o que atendendo á situación actual significa manter a proporción que existe do 75 por cento de aulas en centros públicos e 25 por cento en centros concertados”.
O conselleiro incidiu en que a selección dos participantes no Proxecto Abalar realizouse: tendo en conta a realidade educativa de Galicia, coñecendo aqueles centros que voluntariamente querían participar no ABALAR e comprobando os medios técnicos dos que dispoñen os centros (conectividade, rede eléctrica) e a disposición do profesorado a participar no proceso de formación.
Proceso de reparto
Durante a súa intervención o conselleiro recordou que os 896 centros públicos, nos que se imparte 5º de primaria e 1º da ESO, recibiron o 25 de xaneiro un correo electrónico no se que se lles invitaba a participar no proxecto. Dos centros consultados, a Consellería recibiu a contestación de 544 (o 66%) interesados en participar no ABALAR. Educación analizou a información remitida polo centros, e a aqueles que cumprían os requisitos técnicos precisos se lles remitiu outro correo no que se solicitaba un coordinador no centro para este proxecto. Tras este proceso quedaron 222 centros con 537 aulas e 10.661 estudantes os que resultaron beneficiados de cara ao curso 2010-2011. Para os centros concertados seguiuse o mesmo proceso e ao final quedaron 78 centros, con 3.714 alumnas e alumnos en 156 aulas.
Grazas ao traballo desenvolvido desde a administración galega neste proxecto ABALAR, o vindeiro ano 14.375 alumnas e alumnos dun total 693 aulas de centros galegos sostidos con fondos públicos terán cadanseu ordenador ultraportail. Isto supón un investimento superior aos 12 millóns de euros na súa primeira fase, e que inclúe que cada unha das aulas beneficiadas teña un encerado dixital e un ordenador para o profesorado. Xunto a isto, os centros estarán dotados de todos os aparellos precisos para o desenvolvemento do plan, o que implica desde as redes wifi ata os canóns de imaxes.