Cultura e Educación convoca as novas edicións dos programas pedagóxicos “Cine en curso” e “Fotografía en curso”

O CGAI coordina ambas as iniciativas, pensadas para alumnos de 6 a 18 anos e inseridas no Plan Proxecta para centros educativos dependentes da Consellería

Os colexios e institutos públicos teñen de prazo ata o 30 de setembro para solicitar a súa participación

Seleccionaranse oito centros para cada un destes programas, que se desenvolverán durante o curso 2013/2014 a través de obradoiros con profesionais, prácticas temáticas e sesións formativas para o profesorado, entre outras actividades

Xov, 29/08/2013 - 13:00
Cultura e Educación convoca as novas edicións dos programas pedagóxicos “Cine en
Cultura e Educación convoca as novas edicións dos programas pedagóxicos “Cine en curso” e “Fotografía en curso”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén abertas as novas convocatorias dos programas pedagóxicos Cine en Curso e Fotografía en Curso que, baixo a coordinación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), se desenvolverán durante o curso 2013/2014 no marco do Plan Proxecta para fomentar a innovación educativa nos centros escolares.

Ambas as iniciativas están pensadas para alumnos de primaria, secundaria e bacharelato co obxectivo de achegarlles diferentes perspectivas do cine e a fotografía como arte, creación e cultura, ademais de explorar con eles as potencialidades pedagóxicas destas dúas disciplinas.

Os colexios e institutos públicos interesados nas novas edicións destes programas poden formalizar a súa solicitude ata o 30 de setembro a través da aplicación telemática do Plan Proxecta, á que se accede desde a web da Consellería no enderezo www.edu.xunta.gal/programaseducativos. De entre todas as solicitudes recibidas, a organización seleccionará oito centros escolares para cada un dos cursos e baixo diferentes fórmulas de participación: obradoiros con profesionais do cine e da fotografía ou prácticas temáticas co profesorado do centro que recibirá previamente unha formación específica.

Creación de novos públicos para o cinema

Cine en Curso combina o rigor cinematográfico e o valor pedagóxico de acordo cunha metodoloxía de traballo avalada pola traxectoria deste programa, que botou a andar en 2005 en Cataluña e que agora é xa unha experiencia internacional con diferentes entidades asociadas en España e Arxentina. No caso de Galicia, o CGAI encárgase da organización, apoio e seguimento das diferentes actividades e recursos desta iniciativa, cuxa prioridade é a creación de novos públicos e a formación de espectadores activos e con espírito crítico.

Baixo o título Cine en Curso documental, a primeira modalidade de participación neste  programa articúlase en catro obradoiros trimestrais con profesionais do sector durante os que os estudantes –desde 5º de primaria a 2º de bacharelato– realizarán as súas propias películas. Os filmes resultantes estrearanse na sala do CGAI na Coruña, ademais de formar parte do proxecto Atlas en curso, no que actualmente participan centros educativos españois e arxentinos e que pode visualizarse na web www.cineencurso.org.

A segunda fórmula, Experiencias Cine en curso, comezará coa asistencia dos alumnos a un ciclo especial de proxeccións no CGAI, trala que levarán a cabo diferentes prácticas cos seus profesores seguindo as propostas ideadas polo equipo de Cine en Curso. Neste caso, a actividade está pensada para escolares a partir de 3º de primaria.

Retrato do territorio

Pola súa banda, Fotografía en Curso celébrase desde 2012 como programa de difusión e pedagoxía da creación fotográfica cun obxectivo triplo: transmitir ao alumnado o valor artístico, creativo e cultural desta disciplina; propiciar o descubrimento do patrimonio fotográfico e da fotografía contemporánea; e xerar un retrato do territorio a través de prácticas creativas compartidas. Ademais da formación específica, os docentes implicados no proxectos contarán co apoio e o asesoramento do equipo do Centro Galego de Artes da Imaxe.

Tamén para este curso existen dúas opcións de participación. Na primeira delas, ideada para estudantes a partir de 5º de primaria, organizaranse diferentes obradoiros con fotógrafos profesionais como apoio aos proxectos fotográficos que os nenos e mozos realizarán baixo a tutela dos seus profesores. O blog de www.fotografiaencurso.org dará visibilidade a todos os procesos de traballo e nesta mesma web publicaranse, así mesmo, as fotografías finais.

A segunda modalidade consiste en prácticas comúns de fotografía para alumnos de 1º de primaria a 2º de bacharelato, que traballarán xunto cos seus profesores a partir de varias propostas: espazos baleiros, retratos e meteoroloxías. Os procesos e as obras resultantes tamén serán publicadas na web do proxecto.

Todas as actividades e recursos de ambos programas están dispoñibles para a súa consulta na web do Plan Proxecta no portal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta), onde se especifican tamén os requisitos e criterios para a selección dos centros.