A Consellería de Cultura e Educación volve ser referente na investigación sobre a inserción laboral dos egresados universitarios cun novo estudo en torno aos másteres
A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia está a preparar un estudo, financiado pola Consellería, detectará o valor engadido dos posgraos na empregabilidade dos titulados universitarios, co obxectivo de mellorar o SUG
Trátase dunha investigación pioneira en España, cuxas primeiras conclusións se presentarán este mesmo outono
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto presentar antes de que finalice o ano os resultados do estudo pioneiro que está a liderar para coñecer a inserción laboral dos egresados dos másteres oficiais impartidos polas universidades españolas e mais concretamente polas tres universidades galegas desde o curso 2007/2008. O obxectivo final do estudo é a mellora da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), a través da detección do valor engadido dos posgraos na empregabilidade dos titulados universitarios. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) – dependente da Consellería- é a responsable deste proxecto, que está financiado integramente polo departamento educativo da Xunta de Galicia, e cuxas primeiras conclusións se presentarán este mesmo outono.
Desta forma Consellería e a ACSUG volverán ser referentes a nivel estatal en materia de investigación sobre a inserción laboral dos egresados universitarios. Neste sentido cómpre lembrar que a galega é desde o ano 2001 a única axencia das 11 existentes en España que ofrece os resultados da incorporación ao mundo laboral dos licenciados e graduados.
Co fin de avanzar cara á excelencia do SUG, o estudo servirá para elaborar estratexias de mellora na planificación das súas titulacións na procura de aumentar a empregabilidade dos seus titulados; e á Xunta de Galicia para fixar políticas educativas de formación e emprego. A información recollida no estudo permitirá ademais completar os datos sobre a incorporación ao mercado laboral da totalidade de egresados de grao e posgrao do Sistema Universitario de Galicia.
Enquisas a case 3.000 titulados
As importantes achegas do estudo proveñen da gran cantidade de información que conteñen, pero, moi especialmente, a dos egresados sobre a titulación que cursaron e a imaxe deses estudos pola parte dos empregadores cos que contactaron. En concreto a mostra que está a estudar a ACSUG está a composta por case 3.000 entrevistas a titulados que xa remataron os seus estudos nos 156 másteres que se impartiron nos cursos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010. Tres anos despois do remate desta etapa de formación, este é un momento óptimo para recoller información sobre o valor engadido que os másteres supuxeron na incorporación ou mellora laboral e cál é a satisfacción dos titulados coa formación recibida.
Para levar a cabo este estudo, a Axencia asinou un convenio de tratamento de datos con cada unha das tres universidades para respectar a normativa en materia de informacións de carácter persoal. A ACSUG elaborou un cuestionario para a realización dunha enquisa que se fai individual e telefonicamente con cada un dos egresados. Tras a correspondente entrevista telefónica a máis do 95% dos titulados, un equipo de traballo, constituído por profesores universitarios especializados neste tipo de estudos, está a elaborar o correspondente estudo de conclusións, que será remitido ás tres universidades e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu coñecemento.