A Consellería de Cultura e Educación concedeu máis de 41.000 euros de axuda á Federación Provincial de ANPAS de Pontevedra para a prestación do servizo de comedor escolar

Cómpre sinalar que a federación non foi quen de presentar documentación acreditativa das axudas recibidas do Concello, polo que a subvención concedida non pode ser maior

Mar, 27/08/2013 - 16:42

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recórdalle ao presidente da Federación Provincial de ANPAS de Pontevedra que a axuda que se lle concedeu para a prestación do servizo de comedor escolar  (DOG do 8 de outubro de 2012) ascendeu a 41.063,90 euros, unha cantidade acorde cos gastos xustificados pola Federación.

Cómpre sinalar que a subvención que se lle concede ás ANPAS desde a Consellería non pode superar ao importe total que custe prestar o servizo de comedor. Para comprobalo, a Consellería solicitou documentación xustificativa das axudas concedidas polo Concello. Porén, a federación só foi quen de presentar copia dun convenio referido aos exercicios orzamentarios do 2008 e 2009, fóra por tanto do período para o que pedira a axuda (curso 2011/2012).

Polo tanto, a ausencia de documentación para comprobar o importe da subvención concedida polo Concello de Pontevedra á federación impide que a Consellería poida incrementar a contía da axuda, xa que non é posible garantir que a suma do importe de ambas as subvencións sexa menor ao custe total da prestación do servizo.

Polo tanto a Consellería insta ao presidente da Federación Provincial de ANPAS de Pontevedra a non facer demagoxia e a presentar a pertinente documentación acreditativa cando solicita axudas de cartos  públicos.