Cultura e Educación recórdalle ao concello de Pontevedra que a cidade aínda conta con 141 prazas libres para nenos de 3 anos, polo que a oferta educativa supera as necesidades
O xefe territorial da Consellería na provincia lamenta que o goberno municipal non valore o investimento de máis de 4 millóns de euros que a Xunta de Galicia ten feito nos colexios públicos da cidade do Lérez para a mellora das súas instalacións
A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na provincia de Pontevedra quere desmentir as declaracións verquidas aos medios polo responsable da área de Educación do Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, respecto dunha suposta saturación dos centros educativos da cidade. Neste sentido o xefe territorial, César Pérez Ares, recórdalle ao goberno municipal que a cidade conta aínda con 141 prazas libres para nenos de 3 anos (4º curso de educación infantil) en centros públicos. Polo tanto, a oferta educativa supera a demanda existentes, que só cobre a totalidade das prazas de 3 anos en centros concertados, ao igual que sucede no resto dos cursos.
A Consellería de Cultura e Educación puxo a disposición da cidadanía un total de 1.040 prazas en 4º de educación infantil para o curso 2013/2014, das que só se cubriron 899, polo tanto quedaron 141 prazas libres, todas elas en centros públicos. Destes 899 alumnos, o 92,7% obtiveron praza no centro da súa primeira escolla, e o 98,9 % dentro dos centros que marcaran entre os da súa prioridade.
A maior demanda de prazas produciuse nos colexios concertados Nosa señora dos Dolores- Doroteas e Santiago Apóstol; e nos públicos Álvarez Limeses, Froebel e o Crespo Rivas. Aínda así neste último CEIP obtiveron praza, unha vez atendidas todas as solicitudes da propia zona de escolarización, nenas e nenos pertencentes a outras zonas de escolarización da cidade, o que demostra que a oferta educativa é suficiente para dar resposta ás necesidades e preferencias das familias, máis tendo en conta a tendencia de caída da natalidade. Non en balde, desde 2008 o número de nados no Concello de Pontevedra foi diminuíndo: desde os 907 dese 2008 ata os 797 do 2010 – que son os nenos que este ano empezan o colexio en 4º de infantil-. A tendencia continúa no mesmo sentido no ano 2012, con 737 nacementos.
Obras en centros públicos
Aínda que considerando lícito que o Concello demande novos colexios, a Consellería entende que en épocas de crise cómpre actuar con responsabilidade e priorizar os recursos, polo que as esixencias municipais só se poden considerar como un exercicio de demagoxia e de intento de politizar, unha vez máis o ensino. Ademais, o xefe territorial da Consellería en Pontevedra lamenta que o Concello non valore os valiosos recursos educativos existentes na cidade e que faga demagoxia, máis cando durante o Goberno Bipartito da Xunta os centros educativos como o Froebel quedaron no esquecemento, sen atender ás súas necesidades de mellora, ás que está a dar agora resposta a Xunta de Galicia.
De feito, a Xunta de Galicia ten feito un investimento de máis de 4 millóns de euros nos colexios públicos da cidade do Lérez para a mellora das súas instalacións; así como os máis de 200.000 que inviste na mellora das instalacións dos CIFP Xunqueira e Carlos Oroza e mais do IES Frei Martín Sarmiento.
Neste sentido Pérez Ares recórdalle ao goberno municipal que a Consellería ten o obxectivo de impulsar todos os centros educativos de Pontevedra, atendendo ás súas particulares necesidades, co fin de que a poboación escolar se reparta entre todos os colexios da cidade e non se concentre só nos devanditos colexios do centro. Proba diso son as obras que se están a realizar en centros como o CEIP de Cabanas e o CEIP Campolongo, nos que se está a facer a instalación dun cuarto de baño de infantil moi demandado, e a reforma do comedor e da sala multiúsos, respectivamente.