Cultura e Educación despide o ‘Atardecer no Gaiás 2013’ a ritmo de La Negra, a Orquestra de Cámara Galega e Fanfarlo

O xoves será unha noite de fusión coa voz de Amparo Velasco, La Negra; e o venres, a Orquestra de Cámara Galega protagonizará un “Un Atardecer con Vivaldi”

O fin de festa terá lugar o sábado 31 de agosto, onde a partir das 21:00 horas na praza exterior actuará a banda británica Fanfarlo

Mar, 27/08/2013 - 11:23
Amparo Velasco, La Negra
Amparo Velasco, La Negra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despide esta semana o ciclo Atardecer no Gaiás con tres actuacións de altura: La Negra, a Orquestra de Cámara Galega e a banda británica Fanfarlo.

Tras dous meses poñéndolle banda sonora ás tardes do verán, Atardecer no Gaiás chega esta semana a súa fin e faino por todo o alto. O xoves, o mestizaxe e a fusión encherán unha vez máis a praza central da Cidade da Cultura da man de Amparo Velasco, La Negra, e a súa voz rota e persoal.

La Negra protagonizou un sonoro debut en 2006 co seu primeiro traballo homónimo, producido xunto a Javier Limón e que deu lugar a un sutil e elegante tratado de flamenco. En 2012 regresou para sacar á luz La que nunca, un álbum co que explotar o son xitano de La Negra: pop fusión que deconstrúe xéneros como o flamenco, o jazz ou a psicodelia, logrando sonar sofisticado e rabiosamente contemporáneo. Mestizaxe en estado puro co que arrancaremos esta última semana de Atardecer no Gaiás.

Coa presenza da aclamada violinista Jin Joo Cho

O venres será a quenda da clásica. A Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba deleitará ao público co último dos seus catro concertos neste ciclo. Será un concerto por todo o alto, coa interpretación na Sala Eisenman dunha obra de referencia na historia da música clásica: as Catro estacións de Vivaldi.

Catro concertos para violín e orquestra que contará coa presenza dunha das violinistas máis aclamadas pola crítica: Jin Joo Cho, unha das máis brillantes violinistas da súa xeración, pola súa vibrante personalidade musical, o seu cálido son e o seu sensual fraseo.

Fanfarlo: a banda pop do momento

O fin de festa terá lugar o sábado, 31 de agosto, a partir das 21:00 horas na praza central do Gaiás. Alí, unha das revelacións musicais do último lustro deixaranse a pel sobre o escenario para facer da clausura de Atardecer no Gaiás unha noite inolvidable. Falamos da formación británica Fanfarlo, unha das grandes bandas pop do momento.

Liderada por Simon Balthazar, o quinteto empuxa as guitarras convencionais cara a periferia e cédelle o paso a un folk-pop orquestrado e luminiscente que seduce por igual aos fans de Belle and Sebastian e, sen claudicar ante o mainstream, os de Coldplay.

Fanfarlo despregará todos os seus encantos nunha praza exterior que contará cun ambiente menos chill-out que o de costume e onde interpretarán os temas do seu último disco Rooms Filled With Light, e tamén recordarán algún dos seus éxitos do seu álbum debut, Reservoir.

Autobuses: liña 9 e C11

Ao igual que durante todo o ciclo, os tres concertos serán de balde e comezarán ás 21:00 horas.

Para subir á Cidade da Cultura, o público poderá tomar a liña 9 do autobús urbano, que pasa a cada hora por puntos céntricos de Santiago de Compostela como a rúa Senra ou Virxe da Cerca.

Do mesmo xeito, quen desexe baixar da Cidade da Cultura en urbano terá dispoñible un último autobús ás 22:45, cun percorrido circular (C11) que contará con parada na rúa Xeneral Pardiñas.