Cultura e Educación e o concello de Salceda de Caselas colaboran para a apertura dunha aula destinada á formación de persoas adultas
Este novo espazo crease para dar servizo ás persoas matriculadas no programa de formación Aula Mentor, que imparte o centro de educación de adultos EPA Berbés, de Vigo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos David Besada Pérez; asinaron hoxe un convenio de colaboración destinado a promover e facilitar o acceso á formación das persoas adultas a través da apertura dunha Aula Mentor no concello, que será dependente do EPA Berbés, de Vigo. Este acordo de colaboración enmárcase na liña que a Xunta de Galicia está a levar a cabo para impulsar a formación ao longo da vida, principalmente dirixida a aquelas persoas que non contan con ningunha titulación académica.
A creación desta nova aula supón un importante paso adiante para achegar aos máis adultos os recursos necesarios para complementar a súa formación. A Aula Mentor conta cunha oferta formativa destinada a actualizar o perfil profesional, potenciar o acceso ao emprego e aumentar a formación básica. Así, a nova aula incrementará os recursos da cidadanía cos que, sumados aos coñecementos adquiridos, poderán enriquecer a súa preparación para afrontar a difícil situación pola que está a pasar o mercado laboral na actualidade.
Esta nova aula auxiliar convértese na terceira que a Consellería de Educación pon en marcha no que vai de ano. O Concello de Teo, no mes de marzo, o de Padrón, en xuño, asinaron acordos coa Consellería para a creación de espazos Mentor dependentes do IES San Clemente, de Santiago de Compostela.
Ao acto de sinatura, ademais do conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos David Besada, tamén asistiu o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira.
Equipamento para as titorías
A aula contará cos recursos técnicos e informáticos necesarios para que o alumnado matriculado nas ensinanzas que o EPA Berbés (Vigo) imparte do programa Aula Mentor poida poñerse en contactos cos seus titores e titoras, así como para realizar as titorías telemáticas. Así mesmo, contará cunha persoa responsable, que desenvolverá as funcións de administración da aula, que será recoñecida pola Consellería como centros colaborador da EPA Berbés na formación de persoas adultas de Aula Mentor.
Pola súa banda, Cultura e Educación será a responsable da xestión administrativa do alumnado matriculado no que atinxe á xestión en liña da matrícula, a administración das probas presenciais, e a supervisión de todas as probas de avaliación, así como o pagamento das persoas responsables da titoría. Ademais, a Consellería será quen remita á EPA Berbés as certificacións de aproveitamento do alumnado facilitadas de forma conxunta co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
Aula Mentor en Galicia
Aula Mentor é un programa do Ministerio de Cultura, Educación y Deporte, de formación aberta, libre e a distancia a través de internet. A través del, ofrécense máis de 100 cursos en liña, con matrícula aberta e permanente e atención titorial próxima ao estudante a través dun titor a distancia que o guía, avalía e aconsella. Entre a variada oferta hai cursos de Electrónica Dixital, Nutrición, Xestión de Empresas, Turismo Rural, Teletraballo, Historia da Arte, Tributación, Contabilidade, ou Iniciación á Informática. Ao superar o curso, o alumno recibe unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación.
Neste momento están matriculadas neste programa en Galicia 336 persoas. Ademais do EPA de Berbés, imparten o programa Aula Mentor os centros de educación de adultos EPA Santa María de Caranza (Ferrol), EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA de Albeiros (Lugo), EPA de Ourense e EPA Río Lérez (Pontevedra); e os institutos IES Isidro Parga Pondal (Carballo), IES San Clemente (Santiago), IES Campo de San Alberto (Noia), IES Monte Castelo (Burela), IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES García Barbón (Verín), IES de Rodeira (Cangas do Morrazo), IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín) e o IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa). Ademais, a oferta formativa está dispoñible en centros, aulas auxiliares e centros colaboradores dos concellos de Abegondo, Bergondo, Boiro, Cee, Oroso, Santa Comba, Lugo, Valga, Teo e Padrón.