O conselleiro de Cultura e Educación asina un convenio de colaboración para o servizo de comedor co concello de Ames

Xesús Vázquez Abad e o alcalde de Ames asinaron o convenio para prestar o servizo de comedor escolar a 981 comensais

Ven, 23/08/2013 - 10:53
Xesús Vázquez Abad e o alcalde de Ames asinaron o convenio
Xesús Vázquez Abad e o alcalde de Ames asinaron o convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou un convenio de colaboración co alcalde de Ames, Santiago Amor, polo que a Consellería e o Concello prestarán o servizo de comedor escolar a 981 comensais o vindeiro curso 2013/2014, o que suporá un investimento bianual por parte da Xunta de Galicia de máis de 173.000 euros.

Ao abeiro destes acordos, a Consellería apoiará ao Concello de Ames na xestión dos comedores dos CEIP A Maía, Agro do Muíño, de Barouta, do propio CEP de Ventín, e no da EEI do Milladoiro. A Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, o Concello comprométese á elaboración dos menús escolares, á repartición e recolla deles nas mesas do comedor; así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

O convenio enmárcase na colaboración que a Consellería ten establecido para o vindeiro curso cos concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Mugardos, Muíños e Santiago de Compostela para a prestación do servizo de comedor escolar en 33 centros educativos, grazas ao cal se lles facilitará a 2.349 usuarios acceder a este servizo complementario durante os próximos dous cursos, un 5,8% máis que os beneficiados no curso 2012/2013 por estes acordos. A achega total da Consellería para estes convenios será de preto de 680.000 euros.