Cultura e Educación anima a contemplar mañá a choiva de estrelas ou “bágoas de San Lourenzo” desde o alto do Gaiás

Cen participantes poderán contemplar desde as 22:30 horas deste luns 12 de agosto ata 30 meteoros por minuto, seguindo as indicacións dos monitores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC

As seguintes sesións astronómicas terán lugar os venres 16 e 30 de agosto e 6 e 13 de setembro. De balde previa inscrición en www.cidadedacultura.org

Dom, 11/08/2013 - 10:45
Cultura e Educación anima a contemplar mañá a choiva de estrelas ou “bágoas de S
Cultura e Educación anima a contemplar mañá a choiva de estrelas ou “bágoas de San Lourenzo” desde o alto do Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a contemplar a choiva de estrelas de mañá, luns á noite, desde o alto do Gaiás a través da actividade Astronomía. Un novo lugar para ollar o ceo, que celebra unha sesión de observación especial para descubrir o fenómeno das Perseidas, tamén chamadas “bágoas de San Lourenzo”.

Ata trinta meteoros por minuto se o tempo acompaña poderán ver a noite deste luns, 12 de agosto, os participantes nesta sesión que arrancará ás 22:30 horas na dársena de autobuses da Cidade da Cultura. As prazas –un total de cen– están esgotadas desde hai días, demostrando o enorme interese que esta actividade que combina lecer e coñecemento esperta entre a cidadanía.

A xa tradicional Noite das Perseidas permitirá contemplar no alto do Gaiás, sempre e cando o tempo acompañe, a choiva de meteoros nun escenario excepcional. As tamén chamadas “bágoas de San Lourenzo” poderán observarse dende a Cidade da Cultura coa axuda de monitores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, de quen ademais recibirán nocións básicas para aprender a mirar o ceo a simple vista.

Como en todas as sesións das Visitas Astronómicas, os participantes aprenderán a identificar as diferentes constelacións coa axuda duns planisferios ao tempo que observarán planetas, cúmulos e estrelas dobres.

Catro novas sesións astronómicas

O programa de Visitas Astronómicas. Un lugar para ver o ceo continuará o vindeiro venres, 16 de agosto, con cen novas prazas para descubrir o firmamento dende outro punto de vista. A última das observacións do mes de agosto terá lugar o venres 30 para continuar o 6 e 13 de setembro. Para participar só é preciso reservar praza en www.cidadedacultura.org e a actividade é totalmente de balde.

Obradoiro de bólidos e meteoritos

Como complemento ás visitas, o 6 de setembro terá lugar o obradoiro de Bólidos e Meteoritos, no que utilizando imaxes obtidas desde o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, os participantes coñecerán o efecto bólido: a entrada na atmosfera dunha pedra cósmica e a posible chegada desta ao chan, ou sexa, de meteoritos.

No marco deste obradoiro, que terá lugar no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, amosaranse en vivo algúns meteoritos de diferentes tipos e darase conta de toda a metodoloxía utilizada polos investigadores para tratar de buscalos unha vez que se ten observado un bólido cercano.