O Consello Galego de Universidades da un paso máis no proceso de racionalización e mellora da oferta de titulación no sistema universitario galego
Quedaron autorizados 80 novos programas de doutoramento para o curso 2013/2014 que substituirán aos 140 preexistentes, co obxectivo de mellorar a excelencia investigadora
Galicia será a primeira comunidade en axeitar o doutoramento ao Real Decreto 99/2011 e ofertará ditos programas xa adaptados á nova regulación estatal
A Consellería presentou a nova liña de axudas para máster destinadas a cubrir os costes de matrícula de titulados universitarios que se atopen en situación de desemprego por importe de 200.000 euros
O pleno ordinario do Consello Galego de Universidades (CGU), celebrado esta mañá na Cidade da Cultura, autorizou a implantación de 80 novos programas de doutoramento segundo está rexido no Real Decreto 99/2011, que substituirán aos 140 distintos existentes na actualidade, e así axeitalo ao novo marco normativo nacional e europeo, así como ás necesidades de concentración e especialización investigadora. Trátase dun proceso de extinción que abrangue ata o ano 2017, e deste xeito dáse un novo paso no desenvolvemento da racionalización e mellora da oferta de titulación no Sistema Universitario Galego
Deste xeito e, malia a moratoria aprobada polo Ministerio respecto do prazo de adaptación dos doutoramentos aos requisitos establecidos no Real Decreto 99/2011, as tres universidades do SUG traballaron firmemente de xeito que no próximo curso, a totalidade dos programas de doutoramento que se oferten en Galicia, cumprirán o establecido na norma, sendo a primeira comunidade en rematar o proceso de adaptación. Así a oferta reducirase sensiblemente grazas ao esforzo de racionalización e concentración levado a cabo polas universidades en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación.
Titulacións universitarias
No mesmo CGU tamén se emitiu un informe relativo a outras titulacións universitarias que se ofertarán no Sistema Universitario Galego (SUG), que foron sometidas a procesos de avaliación, e que formarán parte da oferta académica a partir do curso 2013/2014. Así durante o encontro o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López Pereira, tamén informou que se trata de 22 graos, dos cales un deles é produto da fusión de dous preexistentes e o resto son produto dun proceso de adaptación e mellora. En canto aos máster trátase tamén de modificacións para a mellora así como a autorización dalgúns novos de tipo profesionalizante de cara a favorecer a empregabilidade dos nosos egresados. Cómpre recordar que a ACSUG é o organismo encargado de elaborar os informes dos títulos dentro dos procesos de avaliación.
Novas bolsas de matrícula en máster para persoas desempregadas
Así mesmo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, informou aos presentes que se está a tramitar a orde de convocatoria pola que a Consellería outorgará axudas económicas, cun orzamento inicial de 200.000 euros, ca fin de cubrir os custes de matrícula en titulacións de máster durante o curso 2013/2014 a titulados universitarios que se atopen en situación de desemprego.
Unha iniciativa que tal e como sinalou o conselleiro ten como obxectivo “mellorar as posibilidades de reinserción no mercado laboral, mediante a formación continua, especializada, de calidade e o fomento do espírito emprendedor”. Así os que remataron os estudos universitarios antes do 1 de xaneiro de 2010, residentes en Galicia os tres anos anteriores á convocatoria, e que agora se atopen desempregados poderán solicitar estas axudas para custear a matrícula íntegra dalgúns máster incluídos na convocatoria. Os beneficiarios deberán seguir durante o curso académico e como mínimo superar un terzo dos créditos nos que formalicen a matrícula.
O conselleiro recordou que, por segundo ano consecutivo, a Consellería volverá a convocar as axudas complementarias para o pagamento da matrícula do alumnado de novo ingreso e de continuidade, posibilitando o apoio económico naqueles casos que non poden acceder ás axudas polo incremento de esixencias académicas da convocatoria do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, malia que cumpran os requisitos económicos establecidos.
Vázquez Abad incidiu en que “ambas iniciativas contribuirán á consecución dunha efectiva igualdade de acceso aos estudos universitarios na nosa comunidade, principio co que está plenamente comprometido o goberno autonómico”.
Actualización do máster en profesorado
Tamén deu conta da sinatura das addendas dos convenios de colaboración para a realización do practicum do Máster universitario en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas, tal e como se ven facendo desde o 2009. Así, para o vindeiro curso ofertaranse 240 prazas na Universidade de Santiago, 195 na da Coruña e 280 en Vigo.
Durante o CGU Vázquez Abad confirmou o cambio de denominación do Grao de Enxeñaría da Edificación pola Universidade da Coruña, que pasará a denominarse Grao de Arquitectura Técnica, de acordo co informe emitido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Por outra banda neste encontro tamén se deu conta da situación do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU), e informouse de que nestes días publicaranse os datos de PDI e PAS do curso 2011/2012 e a estatística de Universidades, Centros e titulacións.
Asistentes ao CGU
No pleno do Consello Galego de Universidades participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os reitores da USC, e UVigo, Juan Casares e Salustiano Mato, respectivamente, e o director da ACSUG, Eduardo López Pereira. A UDC estivo representada polo vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde Alonso. Tamén asistiron a subdirectora xeral de Universidades da Consellería, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario da Consellería de Cultura e Educación, Lourdes Rodilla.
Polos Consellos Sociais das universidades asistiron Antonio Abril, da UDC, Manuel Puga, da USC, Ernesto Pedrosa, da UVigo; mentres que en representación do Parlamento de Galicia acudiron Xosé Manuel Cid, Carlos Pajares e Manuel Ladra.