A Fundación Benito Losada convoca o I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea’ co apoio de Cultura e Educación

O CGAC acolleu esta mañá a presentación do certame, que, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, “nace cun obxectivo claro de promover novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía”

O prazo para presentar as obras permanecerá aberto ata o 4 de outubro de 2013

Lun, 22/07/2013 - 13:38
I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A Fundación Benito Losada, organizadora durante tres décadas do Festival Outono Fotográfico, convoca por primeira vez, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación de Lugo, o I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O Centro Galego de Arte Contemporánea acolleu esta mañá a presentación do certame, que, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “nace cun obxectivo claro de promover novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía”.

O responsable do departamento de Cultura tamén destacou “o esforzo de colaboración entre institucións” no que se enmarca a iniciativa, o desexo de “avanzar nunha proposta actualizada” que complemente o Outono Fotográfico e “a ambición de crear un certame no que a difusión da propia obra sexa a chave da motivación”, xa que os 16.000 euros de dotación económica do premio se destinarán á produción dunha exposición temporal itinerante coas obras gañadoras e á súa publicación nun libro que se distribuirá nas librerías. Ademais, unha selección das fotografías premiadas formará parte tamén do libro do Festival Outono Fotográfico.

Incentivar as novas linguaxes na fotografía

Polo tanto, “o enfoque deste premio é sumamente interesante, en canto que achega unha incentivación ás novas linguaxes no ámbito da fotografía e tamén en canto que está a promover unha programación dese campo nos centros de exhibición que vai apoiar”, dixo Anxo Lorenzo.

Na rolda de prensa de presentación do premio tamén o director do Outono Fotográfico e coordinador do premio, Xosé Lois Vázquez; o coordinador do premio e curador da exposición, Víctor Nieves; e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo; Mario Outeiro.

Características do proxecto

O certame premiará propostas de carácter visual-fotográficas no discurso da fotografía contemporánea por parte de autoras e de de calquera nacionalidade, que poderán presentar as súas obras ata o próximo 4 de outubro. Os autores e as autoras participantes deberán presentar un proxecto fotográfico realizado en calquera data comprendida entre outubro de 2003 e outubro de 2013, que non fora subvencionado na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte, con enteira liberdade respecto ao tema e á técnica.

Itinerancia

O 16 de outubro reunirase o xurado e a finais deste ano, entre os meses de novembro e decembro, está prevista a inauguración da exposición co traballo gañador, cuxa itinerancia comezará no Museo Provincial de Lugo e se prolongará durante cinco anos dentro da programación do Festival Outono Fotográfico e tamén da programación que elaboren a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.

Menús News node R