Cultura e Educación lamenta as declaracións do director da Escola Superior de Conservación e Restauración, coñecedor de que a Consellería vai dotar de máis profesorado ao centro
O departamento educativo da Xunta de Galicia vai implantar no curso 2013/2014 o 4º curso destas ensinanzas superiores, para o que a escola vai contar con 3 profesores máis
Actualmente a ratio do centro é de 3 alumnos por profesor
O centro pertence á categoría A, a maior entre os centros educativos, e o compromiso da Xunta de Galicia co seu alumnado queda patente no investimento de 14.000 euros ao ano por cada estudante
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta as declaracións totalmente falsas do director da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, poñen en dúbida a continuidade do centro. Neste sentido cómpre sinalar que o director é coñecedor de que o departamento educativo da Xunta de Galicia vai implantar no curso 2013/2014 o 4º curso destas ensinanzas, para o que a Consellería vai dotar ao centro de 3 profesores máis. Polo tanto, a Consellería entende que se trata de declaración irresponsables, non propias do responsable dun centro público.
No curso 2012/2013 o centro contou con 15 docentes e 51 estudantes, o que supón unha ratio de 3,4 alumnos por profesor, o que supón unha atención personalizado ao alumnado. O compromiso da Xunta de Galicia coas alumnas e alumnos queda tamén patente no investimento de 14.000 euros ao ano por cada estudante, o maior de todas as ensinanzas artísticas que se imparten en Galicia. Deste custe anual, os estudantes só aboan un prezo público de 483 euros ao ano, o máis baixo de todo o Estado español.
Ademais, a escola pertence á categoría A, a maior entre os centros educativos; e nos últimos meses foille autorizada unha dotación de 10 ordenadores de sobremesa, 3 portátiles e 5 proxectores, en resposta ás súas peticións.
Cultura e Educación non entende a actitude do director do centro, menos no día no que foi citado na Consellería tras ser informado do incremento de profesorado e para valorar a implantación do 4º curso, e espera que realice a pertinente rectificación das súas declaracións, co fin de garantir a tranquilidade dos estudantes, que en ningún caso van ver comprometido o seu futuro na escola.