A Consellería de Educación destina máis de 157.300 euros a cambiar a cuberta do CEIP Nosa Señora das Dores, en Forcarei
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, visitou hoxe as instalacións do centro pontevedrés
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal Rodríguez, estivo hoxe no CEIP Nosa Señora das Dores, en Forcarei (Pontevedra), para coñecer de primeira man as instalacións deste colexio. Durante a súa visita, o director xeral anunciou que a Consellería vai levar a cabo este verán o cambio da cuberta do centro, unha mellora á que vai destinar máis de 157.300 euros.
Deste xeito o departamento de educación da Xunta de Galicia dá resposta a unha necesidade moi demandada pola comunidade escolar deste colexio, que non foi atendida polo goberno anterior. Ademais, dáse cumprimento ao compromiso adquirido polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, na súa visita a este centro no mes de outubro de 2009. As obras comezarán a executarse unha vez remate o curso, co fin de non interferir no desenvolvemento habitual das actividades lectivas, e para que a nova cuberta estea lista ao inicio do vindeiro curso académico. Tal e como explicou o director xeral, con esta obra a Consellería demostra unha vez máis a súa atención ao benestar da comunidade escolar, ademais de ás distintas necesidades educativas dos colexios e institutos galegos.
José Manuel Pinal tivo ademais a oportunidade de falar co director do centro, Celso García Viéitez, sobre a incorporación o vindeiro curso do CEIP Nosa Señora das Dores ao Proxecto ABALAR, de integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no sistema educativo de Galicia. Segundo confirmou o director xeral, 14 alumnas e alumnos de 5º de Primaria deste colexio disporán de cadanseu ordenador ultraportátil grazas a esta iniciativa impulsada pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Durante a súa visita o director xeral, estivo acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares; e polo alcalde de Forcarei, David Raposeiras Correa.