Cultura e Educación lamenta a teima do concello en retrasar os traballos de mellora do CEIP da Torre-Illa, o que só pode prexudicar á comunidade educativa
A Xefatura Territorial de Pontevedra enviará o luns a documentación que acredita que a obra proxectada cumpre coa lei e que as aulas superan o espazo necesario para albergar ao alumnado
O proxecto suporá a remodelación dos espazos interiores para a reunificación de Infantil e a creación dun aula de Primaria
A Xefatura Territorial da Xunta en Pontevedra lamenta a teima do Concello da Illa de Arousa en retrasar os traballos de mellora do CEIP da Torre-Illa, desta vez paralizando as obras, o que só pode prexudicar á comunidade educativa do centro. Neste sentido, o xefe territorial, César Pérez Ares, anunciou hoxe que o luns se enviará ao goberno municipal toda a documentación que acredita que a obra proxectada cumpre coa lei. Neste sentido Pérez Ares reiterou que as aulas teñen as dimensións correspondentes a normativa vixente.
“Hai que ter en conta que estas obras as estamos a facer con carácter de urxencia de cara a que estean rematadas para o inicio do próximo curso en setembro”, recordou o xefe territorial, solicitando ao Concello a súa colaboración en prol dunha mellora das instalacións do colexio, “polo ben de toda a comunidade educativa”.
O novo proxecto de ampliación que acaba de iniciarse ten un orzamento de 60.000 euros e supón a execución dunha aula nova de Educación Infantil con baño incorporado no actual espazo no que se atopan as clases dos nenos de 4 e 5 anos. O devandito proxecto xa foi remitido ó concello nos primeiros días desta semana coa solicitude de licenza de obra, “tendo en conta que se trata dunha obra menor”.
O obxectivo é ubicar nun mesmo espazo todas as aulas de Infantil, o que obrigará a facer un aula nova e novos aseos”, así como a creación doutra aula para Primaria, neste caso, na actual ludoteca, que seguirá a funcionar como tal fóra do horario lectivo se así o desexa o concello.
Este proxecto xa contempla o uso doutros espazos do centro de cara a construción de novas aulas se se consolidara no futuro a matrícula en resposta ás demandas da comunidade educativa en relación ao crecemento vexetativo do municipio. Nestes intres o centro conta cunha aula de inglés, outra de música, unha dobre biblioteca e dúas aulas destinadas a pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, así como outra dedicada a radio e reprografía, espazos que de ser necesario deberán ser reorganizados de xeito que permitan a creación de novos aularios.