A fiscalía arquiva as dilixencias pola praza de comedor da Rabadeira, por entender que a consellería actuou conforme a dereito

Ven, 12/07/2013 - 18:30

A fiscalía Provincial da Coruña vén de arquivar as dilixencias de investigación realizadas a instancias do concello de Oleiros contra o secretario xeral da Consellería de Cultura e Educación a quen acusaban dun presunto delito de prevaricación en relación coa admisión dun alumno no  comedor do CEIP da Rabadeira.

A Consellería quere amosar a súa satisfacción pola decisión do fiscal, ao entender que ratifica, unha vez máis, que este departamento educativo actúa sempre cun estrito respecto pola legalidade. De feito, a fiscalía non só decreta o arquivo das dilixencias por non existir no proceso denunciado ningún indicio de arbitrariedade, senón que asegura textualmente que aínda que os denunciantes falaban dunha “cacicada” e “dun feito illado para privilexiar a un menor polo cargo do seu ascendente”, os feitos non foron así, xa que “consta que se beneficiaron un total de 11 menores”.

Ademais, a fiscalía toma en consideración que a Consellería decidira aumentar unha praza no comedor do CEIP da Rabadeira, logo de estimarse pola Xefatura Territorial da Coruña o recurso do alumno excluído do comedor por presentar a solicitude fóra de prazo, accións ambas que o fiscal xefe considera axustadas a dereito. Sobre a decisión da Xefatura, o decreto da fiscalía sinala textualmente que “a lectura da resolución permite excluír calquera indicio de arbitrariedade, pois está fundada nunha interpretación razoable da norma”. O texto da fiscalía provincial remata indicando que “seguiuse o procedemento legalmente previsto, e a fundamentación realizada para estimalo é razoable co ordenamento xurídico”.