A Federación de Autónomos de Galicia e Política Lingüística potencian o uso do galego na actividade empresarial
No marco do convenio asinado entre ambas as entidades editarase nesta lingua diverso material de interese para os traballadores e traballadoras
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o presidente da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga), Paulino Franco, asinaron hoxe un convenio de colaboración para potenciar o uso da lingua galega na actividade e no funcionamento desta última entidade, así como entre o colectivo de traballadores autónomos galegos que nela se integran.
No marco deste acordo, asinado na sede da Coruña de Feaga, esta entidade potenciará o uso da lingua galega na súa actividade, tanto nas relacións internas como externas, e mais na documentación necesaria para o seu funcionamento. O convenio tamén incide no fomento do uso do galego a través da XVII Feira de Mostras de Autónomos de Galicia e mais doutras iniciativas, como campañas de ámbito provincial e autonómico, material divulgativo, publicidade, boletíns informativos etc. Ademais, o convenio de colaboración entre Feaga e Política Lingüística contempla a elaboración do Vocabulario do autónomo, así como a edición doutros recursos de utilidade profesional.
Pola súa banda, Política Lingüística facilitaralle á federación o apoio e asesoramento lingüístico necesarios para levar a cabo as actividades fixadas no marco do convenio.
A colaboración con colectivos profesionais
A través da colaboración con colectivos profesionais como a Federación de Autónomos de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca potenciar o uso da lingua galega na actividade que se desenvolve nesta comunidade dentro do ámbito socioeconómico.