A consellería de Educación renovará un convenio coa Deputación da Coruña para o funcionamento do IES Rafael Puga Ramón

Deste xeito, renóvase o compromiso cos 255 estudantes escolarizados nas 13 unidades do centro, así como cos 52 profesores, e co persoal administrativo e de servizos

Xov, 03/06/2010 - 14:33

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial da Coruña renovarán un convenio para contribuír ao funcionamento do Instituto de Educación Secundaria Puga Ramón, situado na cidade herculina.

En total serán algo máis de 490.000 euros destinados ao funcionamento deste centro, durante o curso escolar 2010/2011, que se destinarán a sufragar parte dos gastos de persoal (persoal docente e de administración e servizos), gastos xerais (subministracións, reparacións...), mantemento, limpeza e conservación.

Con estas accións Educación cumpre cos seus compromisos e atende as demandas e necesidades de 255 alumnos e alumnas da Coruña que cursan bacharelato e ESO nas 13 unidades de que dispón o centro educativo, así como dos 52 profesores e do persoal de administración e servizos do centro.

Con esta iniciativa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dá continuidade ao seu compromiso de manter o servizo público educativo de todos os alumnos e alumnas que están escolarizados neste centro dependente da Deputación Provincial da Coruña, tal e como vén facendo desde hai anos.