O conselleiro de Cultura e Educación anuncia o próximo inicio da segunda fase das obras de mellora da zona residencial do IES de Vilamarín

Xesús Vázquez Abad explicou que o seu departamento leva investido máis de 338.000 nos últimos anos para diversas reformas nas instalacións, así como para os fondos destinados á biblioteca escolar

En total renovaranse 17 cuartos, dos que unha ducia xa foron reformados no 2012

Mar, 09/07/2013 - 12:31
O conselleiro de Cultura e Educación
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia o próximo inicio da segunda fase das obras de mellora da zona residencial do IES de Vilamarín

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES Vilamarín, onde anunciou o próximo inicio da segunda fase das obras de mellora da zona residencial que o seu departamento está a realizar no centro, e que contan cun orzamento de máis de 218.000 euros. “Estes traballos son unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia con este centro, no que se levan investido máis de 338.000 nos últimos anos para diversas reformas nas instalacións, así como para os fondos destinados á biblioteca escolar. Así, ademais desta reforma, fíxose unha importante adaptación de espazos, o que permitiu a creación dunha lavandería, e renovouse a pavimentación”

Os traballos consistirán na renovación dun total de 17 dormitorios - unha ducia deles xa se reformou na primeira fase, no 2012, e os cinco restantes este ano- da zona residencial do IES Vilamarín. Para iso substituirase a carpintería exterior e vidrieiras, pintaranse as paredes e colocaranse novas portas, un novo pavimento e cambiarase o falso teito. Ademais renovarase a configuración de armario e farase unha remodelación completa dos cuartos de baño, incluíndo instalacións de auga e desaugues, así como os aparatos sanitarios. Tal e como explicou o conselleiro, en breve asinarase a acta de replanteo para dar comezo ás obras, posiblemente a próxima semana.

Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego, Xesús Vázquez transmitiulle a súa felicitación ao director do centro, Alberto Otero, polo excelente labor de cualificación do alumnado que todo o equipo docente do IES está a facer. O titular de Educación tivo a oportunidade de congratular en persoa á alumna Paula Díaz, do ciclo medio de Cociña e Gastronomía, que acaba de rematar finalista do prestixioso Premio Promesas da alta cociña, certame no que representou a Galicia tras ser elixida como unha das 50 mellores alumnas e alumnos de hostalaría de España.

Ademais, o conselleiro interesouse polo funcionamento do Programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE), que neste curso conta con dous grupos de nivel B2, un de inglés e un de francés, nos que mellorar as súas competencias lingüísticas un total de 30 alumnas e alumnos.