Arrancan na USC os Cursos de verán de lingua galega para persoas estranxeiras, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación

O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou hoxe a XXVI edición, na que 72 alumnos e alumnas procedentes de 27 países de Europa, América, Asia e África, afondarán, ao longo deste mes, no coñecemento da lingua e da cultura propias de Galicia

Máis dunha trintena deles xa está a aprender galego en 20 lectorados pertencentes á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia

Os cursos ofrecen catro niveis de aprendizaxe e organízanos conxuntamente a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística

Ven, 05/07/2013 - 12:48
Valentín García na presentación dos cursos de galego
Valentín García na presentación dos cursos de galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, representou hoxe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no acto de inauguración da XXVI edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia, que organizan conxuntamente a Real Academia Galega (RAG), a Universidade de Santiago (USC) e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Estes cursos desenvolveranse na capital de Galicia desde hoxe ata o vindeiro 24 de xullo e con eles “a proxección internacional do noso idioma propio adquire ano tras ano maior dimensión, por impulsaren o seu coñecemento e uso activo alén das nosas fronteiras”, dixo o secretario xeral durante a apertura.

No acto, que tivo lugar no salón de actos daFacultade de Filosofía da USC, participaron tamén o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero;o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet;o director do Instituto da Lingua Galega (ILG), Ernesto González, e o director, Manuel González.

Achegarse de primeira man ao galego

O obxectivo dos cursos é darlle oportunidade ao alumnado de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Para acadar este fin, a programación dos cursos contempla -amais das habituais clases teóricas e prácticas de lingua- conferencias sobre antropoloxía cultural, literatura, historia, arte, etc. e proxección de filmes e documentais de produción galega.

O amplo programa de actividades complementarias inclúe visitas de interese cultural (ao Museo do Pobo Galego, ao Panteón de Galegos Ilustres e á Cidade da Cultura de Galicia), así como unha xornada de inmersión lingüístico-cultural pola costa meridional coruñesa (con paradas en Noia, Baroña, Axeitos, Corrubedo, Ribeira, A Curota e Rianxo).

Catro niveis de aprendizaxe

Os cursos programan distintos niveis: elemental 1, elemental 2, medio e superior. O nivel máis alto é un curso de Filoloxía Galega que inclúe catro seminarios (Temas de lingüística galega, Poesía dos séculos XIXe XX, Formación e historia social da lingua galegae Variación e cambio lingüístico no galego actual) que imparte profesorado da titulación homóloga da USC e que está pensado para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.

72 alumnos e alumnas de 27 países de Europa, América, Asiae África

Ao longo das 25 edicións anteriores destes cursos de verán, xa levan participado neles arredor de 2500 alumnos e alumnas de diferentes países do mundo. Nesta, fano un total de 72 estudantes procedentes de 27 radicados en catro continentes (Europa, América, Asia e África), en concreto: Alemaña, Armenia, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, España, Estonia, USA, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irán, Irlanda, Italia, Kazakhstan, Marrocos, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Rusia, Suíza e Ucraína.

Do alumnado matriculado, 31 persoas proceden de 20 lectorados dependentes da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, coordinados desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e moitas outras de universidades do mundo que, malia non contaren con CEG, están estreitamente vencelladas á lingua e á cultura galegas.

Estreita colaboración institucional para garantir a oferta de cursos de verán

A Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad organiza ao longo do mes cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, en colaboración coa RAG e co ILG da USC e mais coa Universidade da Coruña. Mercé a esta colaboración, case un cento de alumnos e alumnas procedentes de catro continentes (Europa, América, Asia e África) e de 27 países diferentes achéganse por primeira vez ao galego, ou perfeccionan a competencia que xa teñen do idioma.

Menús News node R