'Os Axóuxeres' visita hoxe domingo Mondoñedo cunha proposta de teatro, música e brinquedos da man de Cultura e Educación
O programa de transmisión interxeracional do galego percorrerá 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística ata o mes de novembro
A nova edición da festa da música, dos xogos e das palabras cumple a súa sexta fin de semana cun grande éxito de acollida entre as familias novas con bebés
Mañá luns ábrese a reserva previa no teléfono 697 363 089 para as funcións de Redondela e Ribeira
A nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’, que ten como obxectivo promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional nas familias novas con bebés e nenos/as de 0 a 6 anos, e que impulsa a Consellería de Cultura e Educación entre os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, chega á súa sexta fin de semana de xira por Galicia.
Nesta ocasión é a quenda para Mondoñedo, onde ‘Os Axóuxeres’ fará gozar a cativos e adultos ás 12:00 horas na Casa da Xuventude.
Reservas para os encontros de Redondela e Ribeira
Mañá luns hase abrir a reserva previa telefónica no 697 363 089, que permanecerá activa en horario de 10:00 a 13:00 horas ata o venres, para as funcións de Redondela (domingo 25, ás 12:00 horas, no Multiúsos da Xunqueira) e Ribeira (domingo 25, ás 18:30 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas). Aínda que a entrada é de balde ata completar a capacidade das salas, cómpre inscrición no teléfono e no horario anteriormente sinalados.
O calendario da nova edición, en activo desde o 12 de setembro e ata o 8 de novembro, inclúe un total de 26 localidades galegas: A Coruña, A Estrada, A Laracha, Ames, Arteixo, Boiro Cangas, Fene, Ferrol, Foz, Lalín, Moaña, Mondoñedo, Noia, O Carballiño, Oleiros, O Porriño, Ourense, Redondela, Ribeira, Santiago de Compostela, Teo, Vedra, Vilagarcía de Arousa, Viveiro e Xinzo de Limia. Todas as datas e espazos de celebración pódense consultar no web institucional www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.
A festa da música, dos xogos e das palabras
'Os Axóuxeres’ é un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que chega á súa sétima edición ofrecéndolles ás familias con cativos de 0 a 6 anos espazos de lecer en galego e tamén materiais para continuar xogando e cantando ao remate do espectáculo. O disco ‘Os Axóuxeres’, co que se agasalla a todas as familias participantes, e tamén os materiais das edicións anteriores pódense descargar de balde en http://ir.gl/1febfb.
‘Os Axóuxeres’ coidan dun xeito especial a calidade do espectáculo e a acollida ás familias para asegurar que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias agradables, cheas de tenrura e de diversión, e cunha estética dinámica e actual.
Encontros para a xente miúda da casa
‘Os Axóuxeres’ son o encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo... cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego... coa lingua de noso. Cada ‘Encontro dos Axóuxeres’, de aproximadamente 40 minutos de duración, creouse para ofrecerlle á xente miúda un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.
Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro interpretan en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o devandito cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís
O peixiño de Mariña
Mariña. Rapaza con nome de auga, de vida cara ao mar, é a protagonista desta historia e quen un día de praia decide que ese peixiño que apañou vai ser o seu mellor compañeiro de cuarto do mundo: "sempre quixen ter un peixiño e por fin o conseguín!". Xa na casa, o animaliño cada vez está máis triste... Será o seu amigo Muriel quen tente convencer a rapaza para que o ceibe: "os peixes do mar teñen que ficar no mar".
Mariña, rapaza lista e espelida, comprende que o seu fiel amigo leva razón: o mar ofrécelle ao peixe todo o que precisa para vivir e ser feliz, aínda que tamén agocha dificultades que os seres que o habitan atopan día tras día... e para o peixiño de Mariña non vai haber excepción. Unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para sentir de preto valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.