Logo dun crecemento dende 1998, no número de Departamentos de Orientación, podemos dicir que no momento actual, todos os centros de educación secundaria e os centros de primaria de 12 ou máis unidades teñen departamento de orientación, os colexios que teñen entre 6 e 11 unidades contan con departamentos de orientación compartida e os centros que non chegan ás 6 unidades figuran adscritos ao departamento de orientación doutro CEIP, tal como se recolle na existente rede de orientación educativa galega (ROEGAL).
Esta estrutura permitiu reorganizar o traballo dos departamentos de orientación dos institutos e optimizar o seu funcionamento, co que se pode prestar unha maior atención ás diferentes necesidades de cada etapa educativa dende un departamento máis próximo.
Deste xeito pódese asegurar que todos os compoñentes da comunidade escolar teñan acceso aos recursos de orientación educativa e profesional e, polo tanto, poidan realizar unha escolarización sen exclusións, que garanta a igualdade efectiva de oportunidades e preste os apoios necesarios, tanto ao alumnado que o requira como aos centros en que estea escolarizado.
Polo conseguinte, debemos recalcar a enorme importancia que ten a coordinación entre os distintos niveis educativos, de tal xeito que será función prioritaria dos membros da comunidade educativa en xeral e das xefaturas dos departamentos de orientación en particular establecer bases sólidas que permitan a colaboración e as accións coordinadas para que o paso do alumnado polos diferentes niveis e etapas sexa o máis coherente posible. A coordinación dos departamentos deberá ser o garante da continuidade deste principio de orientación única.