Novas da Rede

Videoconferencias sobre baristas do IES de Foz

Como consecuencia da crise sanitaria, o IES de Foz vese obrigado a adiar o que sería o XIV Campionato Internacional de Baristas. Co fin de facer algo simbólico e non perder o espírito barista, desde a organización do evento decidiron facer unha serie de videoconferencias orientadas a Escolas de Hostalaría os días 10, 11 e 12 de febreiro, entre as 09.00 e as 12.10 horas.

Estas actividades serán emitidas por Webex en aberto e tamén se gravarán para que aqueles que non poidan conectarse nese horario poidan visualizalas máis tarde. O alumnado do centro asistirá ás charlas desde as súas aulas, sempre mantendo os protocolos sanitarios.

O evento contará cun total de 12 relatores, que a través de charlas relacionadas co café achegarán un pouco máis ao alumnado o mundo barista. Entre os relatores cóntase coa participación de antigo alumnado do centro e tamén doutros centros de hostalaría de Galicia.