FP Innova 2024
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organiza FP Innova Galicia 2024, Congreso de Innovación na Formación Profesional, que terá lugar entre os días 24 e 26 de abril na Cidade da Cultura de Galicia. Trátase da sexta edición dun evento que se constitúe como referente na difusión da innovación didáctica e tecnolóxica, da transferencia de coñecemento e da capacidade de emprender na que está imnersa a Formación Profesional de Galicia.
O horario de apertura da zona expositiva será:
- Mércores 24 e xoves 25: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00
- Venres 26: de 10:00 a 14:00
Un espazo expositivo no que conflúen a innovación e o emprendemento, a formación e a empresa
O congreso contará cunha zona expositiva de 4.100 m2, distribuída nas plantas -1 e 0 do Museo Centro Gaiás, na que as persoas asistentes poderán coñecer:
A investigación e a innovación que os centros de formación profesional de Galicia están a desenvolver en colaboración con empresas e institucións, a través da visualización en directo dos 35 proxectos de innovación que se presentan e que abranguen as tecnoloxías máis punteiras do mercado. | |
A innovación ligada ao emprendemento, representada nunha mostra de 16 proxectos que o alumnado e o profesorado puxeron en marcha no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende. | |
A experimentación en primeira persoa das novas tecnoloxías, coa participación nos obradoiros sobre biotecnoloxía, ciberseguridade, creación de contidos mediante IA, drone soccer, creación de videoxogos, realidade virtual e aumentada, impresión 3D, entre outros. |
O acceso a estes espazos ten carácter gratuíto para o público en xeral. Os centros que desexen organizar unha visita para alumnado e profesorado deberán cubrir unha solicitude de inscrición, segundo as instrucións que recibiron por correo electrónico.