Escribir como lectores. Reflexións a dúas voces

Escribir como lectores. Reflexións a dúas voces


Pilar Martínez Soto
mapimar@edu.xunta.es
Olga Teijeiro Díaz
olga.t@edu.xunta.es
Profesoras do CEIP de Chancelas (Combarro)


'Escribir como lectores dunha obra literaria' é unha actividade de formación do profesorado na que participamos, xunto con profesores e profesoras de varios centros do ámbito do CFR de Pontevedra. Trátase dunha proposta didáctica para abordar a lectura dunha obra literaria co alumnado. A obra, que foi a mesma para alumnos de moi diversas idades – no noso caso, desde os tres aos doce anos – é unha pequena novela titulada Ollo de Nube, e a proposta parte dun enfoque social e construtivista do proceso de aprender a ler e a escribir.

O profesor é, nesta proposta didáctica, un mediador entre os textos e os lectores e daquela, para mellor explicar as nosas reflexións sobre esta experiencia de formación, quixemos resaltar os aspectos que máis nos interesaron, e facelo a dúas voces. Son as voces de dúas profes, que traballaron coa mesma lectura e con nenos e nenas do primeiro curso de educación infantil e do último curso de primaria. Pensamos que as notables coincidencias das nosas apreciacións servirán para ilustrar o moito que tiveron en común as experiencias dos nosos alumnos e alumnas, de tres anos ou de doce, lendo nun mesmo libro… e escribindo como lectores e lectoras dunha obra literaria.


ESCRIBIR COMO LECTORES E LECTORAS DUNHA OBRA LITERARIA



É moi significativo, e fundamental neste proxecto que o alumnado ten a oportunidade de escribir con liberdade, escribir textos propios, textos de verdade.

Estas propostas de escritura nacen da  lectura dunha obra literaria. Trátase dunha lectura en profundidade, unha lectura centrada no significado e na comprensión, a diferencia de métodos máis tradicionais que propoñen  un xeito de ler superficial, solitario e centrado na rendición de contas, isto é, en demostrar – mediante probas, exames, exercicios… - que a obra foi lida.

En troques, o proxecto no que participamos, parte da lectura compartida, a conversa, e a participación. Os nenos e nenas abordan un texto literario xuntos (e contan coa mediación do seu profe), len, comparten e daquela viven unha experiencia lectora dun nivel moi superior ao que poderían facer se o fixesen eles ou elas sos.

Decatámonos de que con respecto á lectura e á escritura todo está pendente, e de que os alumnos e alumnas non teñen medo a se comunicar por escrito se non lles pedimos que respondan a un modelo adulto.

Decidimos facer pequenas lecturas puntuais que permitisen seguir o fío da narración. O resultado foi moi positivo e permitiunos abrir múltiples portas a partir do texto, e que os alumnos escribisen como lectores a un nivel de tres anos.

Xurdiron distintas prácticas sociais de escritura a partir da obra e podo incluso dicir que de lectura, tales como: contos, descricións, listaxes, un pequeno libro sobre a propia tribu, entrevistas…


O FORMATO DA ACTIVIDADE DE FORMACIÓN

A estrutura e organización da actividade de formación na que participamos resultou moi acaída. Foi unha actividade realmente distinta a outras nas que temos participado, e claramente mellor, por varios motivos:

  • A temática que tratamos, o contido da formación, foi a nosa propia experiencia
  • A participación dunha persoa experta consistiu básicamente en axudarnos a reflexionar sobre a práctica, sobre o que estábamos a facer.
  • As sesións de traballo con nós, as profesoras e profesores que participábamos, respondían á mesma proposta das aulas, ou sexa, consistían en aprender xuntos, en compartir, conversar e construír significados a partir da experiencia.


As sesións de formación foron ocasións para aprender xuntas, para enriquecernos mutuamente, compartindo o que faciamos e guiadas por Laura Benítez, da AELE, que soubo por en práctica con nós un método semellante ao que propoñía para os alumnos nas aulas durante as visitas que fixo ao noso colexio.

Os nenos e nenas aprenderon un montón a través deste proxecto, pero non aprendemos menos as mestras implicadas no mesmo. Foi enriquecedor para todos.

 


RECOMENDACIÓN DO LIBRO A DISTINTAS IDADES


Xurdíu dun xeito paralelo – a través da participación que tiñamos nun programa de radio – a posibilidade de recomendar a lectura do noso libro a nenos e nenas doutros centros.

Os alumnos e alumnas de quinto e sexto curso asumiron este reto seguindo a metodoloxía que estábamos a practicar, é dicir: enfrontaron a creación dun texto (de varios textos) en equipos, xuntos, compartindo as ideas, asumindo que os textos se crean pouco a pouco, mellóranse entre todos/as, e que escribir é unha actividade alegre, divertida, ilusionante e fermosa cando se fai como verdadeiros escritores e lectores, que teñen algo que dicir porque falan de sí mesmos, do que pensan, sinten e saben.

E cando teñen motivos saudables para escribir. Motivos que non inclúen que outros lles corrixan os erros que poidan cometer.

A calidade e fondura das súas palabras recomendando o seu libro dan boa fe da calidade e da fondura da lectura que fixeron, que fixemos. Falan como verdadeiros lectores. Escriben como tales.



Resultame moi chamativo e moi ilustrativo tamén o feito de comprobar que hoxendía, un curso despois, os alumnos  - agora de catro anos – seguen a ser capaces de presentar o libro que leron a quen non o coñece, e seguen tamén botando man del cando deciden traballar na biblioteca.

Para min, un curso despois, supón a necesidade de embarcarme en novas experiencias coma esta, que favorecen o pensamento, a maduración e continuar creando hábitos que faciliten aprendizaxes tan amplos, tan de verdade.


A VISITA DO AUTOR


Sucede con esta visita o mesmo que co resto dos pasos deste proxecto. O importante é que a visita do autor forma parte da proposta didáctica. Traballamos moito antes dese día. Compartimos ideas – entre o profesorado, despois co alumnado – e deseñamos polo miúdo o que iamos facer, as preguntas que lle iamos dirixir, as cousas que queríamos contarlle, o que nos gustaría saber.

Daquela foi cando puidemos comprobar unha vez máis a calidade e fondura da lectura que os alumnos e alumnas fixeran do seu libro. Eran evidentes nas preguntas que propoñían. Lonxe da superficialidade, da inmediatez que son características, as veces, nestas ocasións, os nenos e as nenas interesáronse por aspectos moi concretos do contido, do contexto, do proceso de creación literaria, da búsqueda das fontes históricas, das vivencias do escritor. Deseñaron unha conversa de altura, un intercambio de pareceres que nos deixou abraiadas. De certo que a Ricardo Gómez tamén lle resultou sorprendente, como nos fixo saber despois ás profesoras.

E é que preguntaban e comentaban como verdadeiros/as lectores, como escritores e escritoras.

O encontró co autor foi outra gran actividade. Un momento máxico. Descubrir que hai unha persoa física, alguén, detrás desa obra, poder preguntarlle as nosas inquedanzas sobre as personaxes, o entorno… escoitarlle falar de todo iso que fixemos noso, foi a mellor maneira de selar este proxecto.


A LECTURA INVITA A PENSAR, A INDAGAR, A CREAR

“Nunca tería imaxinado que unha clase de educación física – algo case que sagrado – podíamos adicala a coser”

Isto sucedeu nos días en que os nenos e as nenas estaban a preparar as súas bolsas de menciñas. Foi un pequeno proxecto que xurdíu da lectura. Ao coñecer a costume dos indios Crow de portar as súas bolsas de menciñas, nas que atesouraban algúns obxectos cargados de maxia, os alumnos quixeron facer as súas propias bolsas.

Cada alumno/a escolleu os pequenos obxectos que, para eles e elas, tiñan un valor emocional especial. Deseñaron tamén a función máxica que portaba cada obxecto (elaboraron incluso un prospecto ao xeito das medicinas tradicionais, para incluír nas súas bolsas) e compartiron cos compañeiros as súas escollas, explicando por que escolleran cada obxecto, a súa historia, a orixe do seu valor. Esta actividade proporcionounos momentos moi especiais.

E non foi máis que unha das múltiples propostas de pequenos proxectos de escrita, de investigación e mesmo de creación artística que xurdiron a partir da lectura – deste xeito de ler – da fermosa historia de Ollo de Nube. Durante os meses que durou o proxecto, o colexio foi enchéndose de motivos indios.

A verdade é que aprendemos un montón de cousas interesantes, e pasámolo moi ben, alumnos e profes. Probamos unha abordaxe diferente da lectura dunha obra literaria. Compartimos unha mirada distinta. Unha mirada que entende:

  • Que temos que achegar a boa literatura aos alumnos e alumnas
  • Que non hai obras axeitadas por idades ou capacidades, senón que cada persoa precisa de diferentes axudas, acompañamento, mediación
  • Que a lectura é mellor en comunidade, compartida, conversada
  • Que a escrita e a lectura son dúas caras dunha mesma moeda e contribúen mutuamente ao desenvolvemento dunha competencia
  • Que os nosos alumnos e alumnas non precisan de motivacións externas para disfrutar da lectura literaria. Non precisan de exames, exercicios, probas… basta con permitirlles – ofrecéndolles as axudas adecuadas – participar
  • Que aprender a ler e escribir é un proceso longo, que dura máis aló da educación infantil, da primaria, da secundaria… e que consiste en ir mellorando, máis que en ir corrixindo
  • Que todas estas reflexións son extrapolables a calquera outra aprendizaxe escolar



Entendemos tamén – e esta quizais sexa a máis valiosa de todas as aprendizaxes que fixemos – que as profes aprendemos tanto ou máis que os nosos alumnos e alumnas cando puxemos en práctica estas propostas e nos xuntamos para compartir as nosas experiencias, para contrastar e reflexionar xuntas o que facíamos. Cremos que este modelo pode ser valioso para a formación do profesorado en xeral.

Sección: