DiverLaboratorio. Obradoiro experimental cooperativo para aprender, ensinar e divulgar a ciencia


María José E. López Novo
mjlnovo@edu.xunta.es
IES Pino Manso (O Porriño-Pontevedra)


Interesados pola mellora dos rendementos académicos no marco dunha escola comprensiva e inclusiva e por explorar novas formas de traballo que permitisen axustar a resposta educativa ás necesidades do noso alumnado (cada día máis diverso, escolarizado en aulas de ratio elevada, necesitado de reforzos, adaptacións e atención persoal, que precisa desenvolver competencias cognitivas, emocionais e sociais), unha parte significativa do profesorado (50 % do claustro) do IES Pino Manso, coordinado pola PT M.ª Mercedes Alfaro Alonso, participou nun proxecto de formación para introducir (GT 2010-2011), xeneralizar (PFAC 2011-2012) e consolidar (PFAC 2012-2013) as metodoloxías da aprendizaxe cooperativa no centro.


Acollidos ao programa Cooperar para Aprender-Aprender a Cooperar, baixo o asesoramento de Nieves Dapoza e Carmen Vaz (CFR de Vigo) e José Ramón Lago (Universidade de Vic), comezamos a andadura familiarizándonos coas dinámicas e coas formas de organización do alumnado da actividade cooperativa, para explorar os ámbitos da cohesión, cooperar para aprender e aprender a cooperar. Na fase de xeneralización, ampliamos a experiencia a un número crecente de materias e niveis e incorporamos o 80 % do alumnado. No curso de consolidación, estabamos dispostos para introducirmos nas técnicas cooperativas complexas e avanzar nos planeamentos da avaliación destas formas de aprendizaxe.
 

A docencia do ámbito científico-tecnolóxico do PDC II-cuarto da ESO nun grupo/clase reducido (10 alumnos/as) ofreceume unha oportunidade privilexiada para articular unha proposta que incorpora as estruturas complexas do traballo cooperativo en simbiose cun proxecto que contextualiza e lles dá sentido ás aprendizaxes. Xorde así a ABP (aprendizaxe baseada en proxectos) cooperativa DiverLaboratorio, un obradoiro de prácticas deseñado, organizado e desenvolvido polo alumnado no que poden coñecer, explorar, investigar, reflexionar, experimentar, vivir e sentir as múltiples facetas do traballo experimental, e compartir as súas aprendizaxes e experiencias cos compañeiros doutros grupos, mentres eles mesmos se familiarizan coas actividades de laboratorio e traballan contidos/destrezas/valores moi diversos (encadrados nas diferentes unidades do seu currículo) dun xeito integrado, operativo e funcional.

 

A miúdo, o alumnado dos PDC (programas de diversificación curricular) manifesta falta de motivación, pasividade, sentimentos de fracaso e segregación e baixa autoestima. A posibilidade de involucralos nun proxecto atraente que lles vai conferir visibilidade e representatividade ante a comunidade escolar, cun rol protagonista que o obriga a unha participación activa, a desenvolver unha gran variedade de aprendizaxes e volvelos operativos mediante a posta en práctica das experiencias, a asumir responsabilidades e tomar decisións con progresiva autonomía, semellaba ser unha boa estratexia pedagóxica para que se mobilizase e puidese acadar un nivel axeitado na práctica totalidade das competencias da etapa.
Os obxectivos formulados neste ABP cooperativo foron:

  • Desenvolvemento integrado e funcional das competencias básicas da etapa.
  • Transformación da aula/laboratorio nun espazo de interaccións, experiencias e reflexións.
  • Motivación do alumnado.
  • Implicación do alumnado no deseño, planificación e desenvolvemento das actividades.
  • Progresiva autonomía e responsabilidade na toma de decisións e na xestión das propias aprendizaxes.
  • Competencia crecente no recoñecemento das propias necesidades e na valoración crítica dos logros acadados.
  • Compromiso persoal cara ás actividades planificadas polo centro  nas xornadas de actividades.
  • Mellora da estima propia e da confianza do alumnado nas propias capacidades.

A aprendizaxe baseada en proxectos responde aos principios do paradigma educativo moderno: motivación cara ás tarefas, implicación do alumnado na propia aprendizaxe, colaboración cos/as compañeiros/as e co docente, creatividade (acceso a recursos máis variados e menos mediatizados), autonomía (capacidade de decisión), atención á diversidade (de niveis, competencias, gustos, intereses e condicionantes do alumnado) e construción do coñecemento. Complementada coa aprendizaxe cooperativa (AC), aseguramos a participación equitativa do alumnado, a interacción simultánea, a interdependencia positiva no desempeño das tarefas e roles, e no logro de resultados, o traballo das habilidades sociais e a posta en práctica de mecanismos metacognitivos de reflexión e avaliación conducentes ao coñecemento e regulación das propias aprendizaxes.

No relativo ás competencias, o alumnado vai ler, interpretar, redactar, sintetizar e comunicarse de xeito oral e escrito (CL), nunha ampla variedade de contextos de IMF e CM (identificación e notación de substancias, dimensionar as experiencias, preparación dos reactivos, deseños e montaxes experimentais), manexando as TIC no acceso e tratamento da información (TIeCD), tomando decisións e poñendo en práctica iniciativas persoais cunha maior autonomía (AeIP) e reflexionando sobre os procesos para desenvolver a capacidade de aprender por si mesmos (AaA), no decurso dun proxecto colectivo que desenvolve as competencias sociais dos equipos, así como compromisos e responsabilidades no seo da comunidade escolar (CSeC).   


O ABP cooperativo DiverLaboratorio está estruturado en dúas etapas desenvolvidas no segundo trimestre do curso 2012-2013: unha na que o alumnado traballa os coñecementos e as ferramentas teórico-prácticas que precisa para poder articular o proxecto (20 sesións), e outra na que volven operativo o aprendido mediante o deseño, ensaio e realización das experiencias que van conformar o obradoiro experimental (25 sesións).


Primeira etapa: ACTIVIDADES DE INICIACIÓN AO TRABALLO EXPERIMENTAL


O alumnado do PDC II, organizado en tres equipos cooperativos heteroxéneos, establece por consenso os contidos que precisan traballar e repártenos entre os equipos, de acordo coas súas preferencias. Esta fragmentación inicial das tarefas permítelles un aforro de tempo e esforzo que redunda nun tratamento máis exhaustivo da parte que teñen encomendada.


Seguindo a estrutura complexa Grupos de Investigación, na fase de inicio planifican coa profesora obxectivos, contidos, estratexias de traballo, distribución das actividades e tarefas, responsabilidades, recursos, presentacións e sistemas de avaliación que van empregar.
 

A fase de desenvolvemento abrangue a elaboración (busca, escolma, estudo, valoración e síntese) da información ata conformar os produtos pedidos (documentos resumo e cadernos de actividades), seguida da presentación dos resultados e actividades deseñadas aos outros equipos. O profesor achega parte dos recursos, guía os equipos nas dificultades, programa momentos de reflexión e coopera na selección dos soportes documentais.

Na fase final, os/as alumnos/as reflexionan e cualifican o traballo propio, o dos compañeiros, o do seu equipo, así como os proxectos, produtos e presentacións propios e alleos, e fan propostas de mellora de todos os ámbitos avaliados. O profesor tamén avalía o proceso e os resultados.


Segunda etapa: ACTIVIDADES EXPERIMENTAIS DO DIVERLABORATORIO


Na segunda etapa, os equipos activan as aprendizaxes previas traballando na concreción do obradoiro experimental que lles ofertarán aos compañeiros de segundo da ESO. Investigan, deseñan, estudan, valoran, seleccionan, ensaian e perfeccionan múltiples posibilidades ata dar coas máis axeitadas para divertir, motivar, aprender e ensinar os aspectos lúdicos e prácticos das ciencias.

 

 

As tarefas culminan nas Xornadas de Actividades (20, 21 e 22 de marzo de 2013). Organizados en parellas de expertos, asumen a responsabilidade de executar as prácticas, explicar o seu fundamento científico e asistir ao alumnado participante nas tarefas de execución dos ensaios experimentais cando proceda. Na diapositiva seguinte podemos ver unha relación das variadas experiencias ofertadas:

 

Algunhas destacaron polo inesperadas, outras por divertidas, tamén polas sorpresas agochadas, as máis polo rechamante colorido e coidada estética, e case todas pola simpleza dos materiais e os seus imaxinativos usos.

 

Nas que desenvolveron os participantes, a estrela foi o leite de cores, seguida do sangue do faraón.

Rematado o obradoiro, os equipos proceden a avalialo a través da dinámica grupo nominal e confeccionan un cuestionario para que tamén o avalíen os participantes. Os resultados de ambas as dúas avaliacións puxeron de manifesto os éxitos acadados.
 

Na reflexión sobre a experiencia cómpre destacar que,  malia o desconcerto inicial dos alumnos por ter que enfrontar un tipo de tarefas ás que non estaban afeitos e a preocupación que lles causaba a posibilidade de non seren quen de rematalas, acadaron na práctica todos os obxectivos marcados, cooperaron de bo grao e estreitaron os vínculos nos equipos, participaron cun alto grao de compromiso e responsabilidade, e gañaron confianza en si mesmos a medida que progresaban na tarefa pola que cada vez manifestaban máis ilusión.


Entre as dificultades constatamos o limitado do tempo para articular un proxecto dese grao de complexidade e o absentismo escolar dalgúns participantes que invalidaba as planificacións e limitaba o traballo dos equipos afectados.


No relativo ás modificacións para mellorar resultados, coido que unha maior definición na repartición das tarefas e o establecemento de prazos máis axustados para a súa finalización poden asegurar e dinamizar o progreso dos equipos.
 

Acadados satisfactoriamente os obxectivos, dada a implicación dos equipos, a calidade dos produtos das aprendizaxes e a excelente acollida do DiverLaboratorio pola comunidade escolar do centro, a valoración desta experiencia foi moi positiva e apunta a que vai formar parte das ofertas de traballo con este alumnado nos vindeiros cursos.

Compartimos con vostedes unha serie de materiais do alumnado. Faltan, por motivos de espazo, algúns cuestionarios, exercicios de repaso, etc., que ofreceremos sempre que contacten connosco.
 

Sección: