O traballo por proxectos: unha dinámica afectiva

Unha experiencia de traballo por proxectos que buscou a motivación afectiva no alumnado mediante a investigación sobre a emigración no seu contorno familiar

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
IES Santiago Basanta Silva. Vilalba
 

Esta proxección resulta do curso desenvolvido no Centro de Formación de Profesorado de Lugo durante os meses de febreiro e marzo de 2013 de xeito presencial e nos meses de abril e maio con contacto non presencial co profesorado titor.

Nese sentido, foron de especial interese o conxunto de relatorios que presentaron: o concepto de “traballo por proxectos” e as diversas implicacións no proceso educativo; a utilidade das TIC nesta metodoloxía participativa e colaborativa; a experiencia sobre a cidade na arte con material multimedia elaborado por colaboración; a mostra do uso educativo das tecnoloxías móbiles dixitais nunha experiencia sobre o patrimonio urbano da cidade; a reflexión sobre a percepción da paisaxe segundo diversos condicionantes; a elaboración de materiais educativos a partir da filmografía, e na edición de productos audiovisuais do alumnado; e finalmente, a experiencia no traballo de patrimonio inmaterial e tamén nos museos e na propia cidade como recurso.

Na sesión inicial, dunha maneira ben significativa, presentouse o concepto de “traballo por proxectos” por medio dun fío desenrolado e prendido nas mans de todos os participantes para explicar como esta modalidade de traballo xera interdependencias e colaboracións enriquecedoras para a empresa común. Tamén como unha nova interpretación do “método socrático”, aquel polo que o educando elabora a propia aprendizaxe, agora coa vantaxe das TIC, lle permite ser protagonista do proceso, partindo da súa propia experiencia e xerando coñecementos significativos e intensamente emocionais, o que aumenta considerablemente o grao de motivación.

Emoción e sentimento poden ser palabras clave arredor das que xira a proposta no sentido da “alfabetización sentimental” de autores como Monserrat Moreno, coa súa proposta de traballar os “sentimentos” elevándoos á categoría de auténtico “coñecemento afectivo”, na liña propugnada tamén por autores como Goleman e Gardner, ou máis próximos con Urruzola e Barragán. Nese sentido, Noddings argumenta que “o pensamento occidental desconfiou do afecto e da emoción, denigrándoos ou, ou polo menos, marxinándoos en beneficio da razón” e esa tendencia agravouse “coa insistencia na obxectividade, a distancia, a avaliación fría e os procedementos sistemáticos”.

O curso escollido foi cuarto da ESO na materia de Ciencias Sociais. Procurábase o coñecemento da importancia da emigración galega durante a fase transoceánica e durante a fase europea, pero alén dos números, interesaba que implicacións afectivas tivo; por iso o título “A emigración na Terra Chá. Unha visión afectiva”.

Este proxecto resultou axeitado na área das Ciencias Sociais, pois o estudo demográfico representa un dos eixes principais de análise na materia. Neste caso, a emigración galega ten, ao tempo, unha dimensión local e internacional.

Grupo de 4º de ESO C

Pola limitacións temporais evidentes, tratáronse de primar aqueles elementos máis significativos en atención aos intereses do alumnado, é dicir, aqueles dun claro contido afectivo, moito máis próximos e atractivos para conseguir unha motivación axeitada.

Cómpre sinalar que o proxecto axudou a desenvolver a competencia en comunicación lingüística, especialmente no proceso previo de recollida da información cos maiores, traballando a comprensión e expresión oral e escrita, así como a capacidade de síntese; a competencia matemática co razoamento lóxico e a resolución de problemas, pois esixen unha resolución matemática e teñen tamén presenza dun xeito colateral; a competencia no tratamento da información e competencia dixital, buscando imaxes da emigración, xunto á información oral dos maiores reproducida en banda sonora. Polo tanto, busca-manexo-transmisión-aplicación da información co uso sobranceiro de TIC; a competencia do coñecemento e interacción co mundo físico, pola necesidade de coñecer as parroquias da redonda chairega e as comunidades e veciños de aquén e alén o Océano; a competencia social e cidadá, coa comprensión da realidade social próxima, a interiorización de valores básicos, incluídod o respecto aos demais e a valorización do propio e alleo, por medio da comprensión do fenómeno migratorio e as súas consecuencias socioafectivas; a competencia cultural e artística, por medio do respecto ao patrimonio cultural inmaterial no conxunto de “historias” individuais que explican a epopea colectiva; a competencia para aprender a aprender polo hábito diario, as técnicas de traballo individual, planificación e organización, motivación e interese pola investigación e o estudo, así como a capacidade de traballar en grupo; e a competencia da autonomía e iniciativa persoal, grazas á capacidade de creatividade e iniciativa, a autoestima, a asunción de responsabilidades, o afán de superación, e a planificación a medio e longo prazo.

    O proxecto desenvolveuse durante o terceiro trimestre do curso coa seguinte planificación: en abril, durante a primeira semana, presentación do proxecto e información sobre a emigración; no resto do mes, recollida de material gráfico, imaxes, sobre todo fotografías pero tamén postais, cartas etc. e tratamento da información oral das entrevistas a devanceiros sobre a experiencia migratoria; na primeira metade do mes de maio, valoración e análise dos documentos gráficos (materiais); na segunda metade de maio, valoración e análise dos documentos orais (inmateriais); finalmente, durante a primeira semana de xuño, elaboración do docuvídeo cos documentos (materiais e inmateriais).





O alumnado traballou individualmente a pescuda e elaboración da información oral e gráfica cunha posta en común na aula. De aí xorde a escolma de textos e imaxes. Establecida en función dunha repartición equitativa e axeitada aos intereses do alumnado, esta metodoloxía considerouse a máis axeitada para a consecución dos obxectivos perseguidos no tempo establecido.

Os materiais foron “rescatados” polo alumnado nas respectivas familias. Son as historias e imaxes gardadas na memoria dos maiores. A repercusión foi máis aló do agardado, pois os entrevistados amosaron interese por participar coas súas vivencias.


A cesión de fotografías dos protagonistas non sempre foi fácil. Unha cousa e narrar que sucedeu, coa liberdade de seleccionar e incluso eliminar aspectos incómodos, e outra é expoñer ao escrutinio público as persoas que viviron un esforzo extraordinario. No proxecto tamén se incluíron artigos de prensa periódica que completasen unha idea da odisea colectiva da emigración.
 

O programa utilizado para a elaboración do producto final foi Windows Movie Maker. No caso dos programas de audio, a súa procedencia foi diversa en relación cos distintos aparellos utilizados polo alumnado.



A entrevista era “libre” para que os maiores respondesen as seguintes cuestións: a situación en Galicia antes da partida; a viaxe como experiencia; o desafío nas novas terras de destino; e finalmente, o regreso á terra. Catro contidos que tiñan que ser desenvolvidos de xeito que os maiores non estivesen sometidos a un “estrés” afectivo.

O libro da Escola Habaneira de Santabaia, en Vilalba, editado con motivo do centenario da institución, no 2007, serviu de útil referencia e motivación. Sobre información na rede, consultáronse determinados recursos dispoñibles en YouTube, ademais de textos históricos seleccionados para a aula.

Con respecto aos mecanismos, o seguimento diario do tratamento do material e da implicación do alumnado foi determinante. Os criterios de avaliación desenvolven os da programación da materia, segundo os parámetros que lexisla o Decreto curricular base. Especificamente, a unidade didáctica na que se incluíron os contidos é “O réxime da Restauración: economía e sociedade”.

A motivación no proxecto foi importante desde o principio. A visión dalgunhas imaxes e achegas doutros traballos previos influíu bastante. Nalgúns casos foron recuperadas imaxes que estaban perdidas ou esquecidas. Ese “descubrimento” de que o pasado histórico non só estaba nos libros, senón tamén nas vidas dos maiores, supuxo unha motivación para exercer de “investigadores” na árbore xenealóxica da familia e rescatar e valorizar historias.

A concienciación sobre a intimidade persoal e familiar, e quizais recentes sucesos onde se difunden aspectos sobre cuestións privadas de persoas nas redes sociais, implicou un celo importante sobre este aspecto, pois non se conseguiron as autorizacións pertinentes para todas as imaxes. Sorprendeu ademais que nesas datas La Voz de Galicia recollese unha reportaxe sobre aspectos afectivos ligados á emigración, especificamente sobre o desgarro familiar entre pais e fillos que, por primeira vez, foron publicados. Polo tanto, no docuvídeo constou a prohibición expresa do uso das imaxes e das historias narradas.




O máis complexo foi resolver a adecuación entre traballo e tempo. Sobre todo porque a proposta de proxecto foi presentada a metade do curso. Non obstante, o alumnado actuou con bastante dilixencia e foi notable o grao de cumprimento das datas, co que se reforzou o sentido de compromiso no traballo en equipo.

O deseño da presentación final foi decidido de acordo coa sinxeleza e a efectividade didáctica. Quedaron sen abordar algúns outros aspectos traballados, especificamente o labor educativo da Escola de Habaneiros de Santabaia, un fito social e educativo da colectividade civil, pero o tempo non permitiría ampliar a investigación.

VALORACIÓNS

... É unha experiencia nova para a clase en xeral e unha alternativa interesante ao traballo tradicional. (...) O tema da emigración é tanto actual como do pasado no que nos vemos reflectidos nós (que posiblemente emigremos)... Un traballo ben feito no que houbo moito esforzo...

... Este tipo de proxecto paréceme moi beneficioso xa que, achegando cada un de nós unha pequena parte, se conseguen grandes resultados (...) Ademais quedan as ideas claras e unha idea xeral sobre o tema tratado. (...) Ademais obtéñense mellores resultados de aprendizaxe, xa que parece como se fose unha historia que che conta alguén...
... Paréceme unha grande experiencia isto de traballar por proxectos, cada un achegando a súa voz, as fotos dos seus familiares e creo que todos puxemos o noso gran de area para que fose adiante, tal e como tiñamos previsto. (...) Agardo que todas as persoas que vexan este traballo o saiban valorar e que, ao mellor, incluso se sintan identificadas...

... Este proxecto é interesante xa que nos axuda a coñecer o pasado galego un pouco máis a fondo. Ademais, foi froito dunha colaboración de grupo na cal participamos todos. (...) Tamén nos damos de conta de que a emigración se está a repetir nestes momentos, momentos de crise...

... Non creo que poida existir unha maneira mellor de reflectir e elaborar un traballo que mediante as propias experiencias dos avós e bisavós. (...) Son salientables as excelentes fotografías e artigos de xornal, que plasman de maneira real o obxectivo que supuxo a emigración...

... Este modelo de traballo por proxectos pareceume unha moi boa idea, xa que anima a todos os alumnos e alumnas a esforzarse e realizar cada parte con gran coidado e dedicación para que, unha vez se xuntasen todos os traballos, se puidese realizar un traballo máis extenso e cunha gran calidade...

... Este proxecto paréceme interesante, pois consiste nunha contribución colectiva na que cada un achegou algo para rematar formando un conxunto coherente. O feito de utilizar as gravacións de voz dálle un toque máis humanizado á historia, e as fotografías ilústrana e amosan os feitos tal como eran. (...) Parece ser unha realidade que se mostra novamente como a única saída para a maioría da xuventude na actualidade dadas as condicións sociais que vivimos...
    
... O tema do traballo pareceume moi interesante, xa que é unha etapa da nosa historia que nos afecta moito. Todos a deberían coñecer, xa que non todos os que emigraron foron os típicos “americanos” que volvían a Galicia ricos...


As repostas citadas polo alumnado poden ser clarificadoras. Eles mesmos valoraron positivamente a “investigación” levada a cabo, tanto desde o punto de vista dos contidos, procedementos e actitudes, como socioafectivos, que inclúen os sentimentos e os eleva á categoría de coñecemento, tal e como propón Monserrat Moreno na alfabetización sentimental. Sylwester mesmo argumenta que “a emoción é ben importante para o proceso educativo porque dirixe a atención que, pola súa vez, dirixe a aprendizaxe e a memoria. Ao separar a emoción da lóxica e a razón na aula, (...) separamos as dúas caras da mesma moeda e perdemos algo moi importante no proceso”.

Tratouse de partir das “historias” da casa e construír unha aprendizaxe significativa, de maneira que os novos coñecementos, reforzados pola motivación afectiva, formen parte deles de maneira vinculante para a valoración do patrimonio material e inmaterial implícito ao proceso da emigración, non suficientemente tratado e, sobre todo, deficientemente analizado en función da autoestima colectiva, pois a emigración, coas causas económicas inherentes, é un síntoma ambivalente: fracaso económico e decisión vital de resolución.





A valoración é moi positiva e vén completar, de maneira seriada e profesional, as experiencias previas, se cadra máis intuitivas, noutros proxectos elaboradas co gallo de “viaxes de fin de ciclo” cun contido que, sen desbotar o lúdico, tivesen un claro sentido educativo. O desenvolvemento do curso de formación presencial, coas achegas doutros docentes especialistas, e a propia experiencia na aula co grupo seleccionado foron enriquecedoras e propedéuticas.

Sección: